O venres 11 de xullo terá lugar no encoro de San Martiño, na Rúa, unha actividade de caiac e paddle board incluída no “Programa Fomento Deportivo 2025” da Deputación de Ourense e da man do Club Náutico de Viana do Bolo.
Esta é a terceira xornada desta iniciativa que comezaba o 5 de xullo en Viana do Bolo, cunha excelente acollida e 40 participantes; continuaba o 8 de xullo no encoro de Prada na Veiga con máis de 30 asistentes e agora recala na Rúa. O programa completarase o vindeiro 18 de agosto, xa en Vilariño de Conso.

A Deputación de Ourense impulsa o programa de “Fomento Deportivo” para este 2025 baixo o lema “#NingúnConcelloSenDeporte”, co obxectivo de achegar a práctica deportiva e fomentar a actividade física e os hábitos saudables en toda a provincia, especialmente no rural onde a accesibilidade a zonas deportivas é menor. Este é o segundo ano no que o Club Náutico de Viana do Bolo forma parte desta iniciativa.
Na galería de fotos poden verse diversas imaxes esta actividade en Viana do Bolo e na Veiga, por esta orde.
Fotos cedidas.
