CulturaCulturaÚltima hora

Camiños de Ciencia chega a Quiroga cunha conversa sobre o tempo profundo e os grandes pregamentos xeolóxicos do Courel

A terceira parada do ciclo celebrarase o venres 23 de outubro, ás 12.30 horas, na Casa da Cultura de Quiroga. A propia conversa será gravada en directo como un novo episodio do podcast de Camiños de Ciencia

 

Quiroga acollerá o vindeiro venres 23 de outubro a terceira parada de Camiños de Ciencia, o ciclo promovido por Observer Turismo Científico para achegar o coñecemento científico ao territorio a través do Camiño de Santiago. O proxecto está subvencionado pola Xunta de Galicia – Axencia Turismo de Galicia, a través do programa O Teu Xacobeo no marco do Xacobeo 2027.

Nesta ocasión, o encontro leva por título “O Courel: tempo profundo” e estará centrado na xeoloxía do territorio, no Xeoparque Mundial UNESCO Montañas do Courel e nos grandes pregamentos xeolóxicos que permiten interpretar unha historia escrita nas rochas ao longo de centos de millóns de anos. O protagonista será Víctor Barrientos, xeólogo da Universidade da Coruña, que conversará con Manuel Vicente, responsable do programa Efervesciencia da Radio Galega, e Maite Vence, directora de Observer.

Non se trata dunha conferencia convencional nin dunha charla seguida dun podcast. A actividade consistirá nunha conversa divulgativa aberta ao público que será gravada en directo como un novo episodio de Camiños de Ciencia. As persoas asistentes poderán seguir a conversa, participar e formular preguntas durante a sesión.

Un territorio para entender a historia da Terra

A paisaxe do Courel constitúe un dos grandes escenarios xeolóxicos de Galicia. Os seus pregamentos, estruturas rochosas e formas do relevo permiten reconstruír procesos que tiveron lugar ao longo de enormes escalas de tempo.

A través dunha conversa accesible para público non especializado, Camiños de Ciencia propón nesta parada aprender a mirar esta paisaxe desde a xeoloxía e comprender por que este territorio posúe un valor científico excepcional.

Camiños de Ciencia utiliza diferentes disciplinas científicas para ofrecer novas formas de interpretar o patrimonio, a paisaxe e a historia dos territorios polos que discorren o Camiño Francés e o Camiño de Inverno. Ao longo das seis paradas do ciclo abórdanse ámbitos como a arqueoloxía, a xeoloxía, a farmacia e a astronomía, sempre vinculados aos lugares nos que se desenvolve cada encontro.

Back to top button