Na tarde deste venres 25 de setembro O Barco de Valdeorras acollía a segunda parada de Camiños de Ciencia, o ciclo promovido por Observer Turismo Científico para achegar o coñecemento científico ao territorio a través do Camiño de Santiago. Nesta ocasión, o protagonista era o xeólogo Víctor Barrientos, da Universidade da Coruña, nunha conversa titulada “As Médulas: ouro e pedra”, centrada na xeoloxía e na minería romana no Camiño de Inverno co que colabora o Concello do Barco.
De aí que contara coa participación do alcalde, Aurentino Alonso, na gravación dun podcast en directo. Aos mandos estivo o xornalista Manuel Vicente García (director do programa Efervescencia, Radio Galega) e Maite Vence, directora de Observer, Turismo Científico.
Nesta conversa divulgativa aberta ao público que tiña lugar no Paseo do Malecón, falouse sobre a formación xeolóxica deste territorio, a explotación aurífera romana das Médulas e as pegadas que esta actividade deixou na paisaxe e na historia do Camiño de Inverno.
Ciencia para interpretar o territorio
Camiños de Ciencia propón descubrir o Camiño de Santiago desde diferentes disciplinas científicas e utilizar o coñecemento como ferramenta para interpretar a paisaxe, o patrimonio e a historia dos territorios polos que transcorre.
Entre setembro e novembro de 2026, o ciclo percorrerá seis localidades vinculadas ao Camiño Francés e ao Camiño de Inverno con encontros dedicados á arqueoloxía, á xeoloxía, á farmacia e á astronomía.
Fotos e vídeos cedidos.