
Un cento de rapaces participan na derradeira das catro quendas de campamentos que se teñen levado ao longo deste verán na Estación de Montaña de Manzaneda. Durante a súa estadía, os participantes (con idades comprendidas entre os 11 e os 14 anos) participan en actividades de carácter deportivo e de relación coa natureza, así como na piscina e de sendeirismo.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitaba na mañá do 19 de agosto este complexo. Ademais de Manzaneda, os concellos de Coles, Esgos, Muíños e a capital, tamén acolleron campamentos xuvenís organizados pola Xunta dentro da campaña deste ano, que contou cunha oferta total de 640 prazas, fronte as 535 do 2013.
A Consellería de Traballo e Benestar complementa a oferta de ocio e educación non formal en Ourense con 5 campos de traballo, cun total de 105 prazas para mozos e mozas de entre 9 e 30 anos. Estas actividades foron programadas nos concellos de A Peroxa, Riós, Muíños, Vilar de Barrio e Celanova.