SanidadeÚltima hora

Campaña de prevención e formación en saúde mental, promovida polo COF na provincia

Nela participan farmacias de Manzaneda, Xinzo de Limia, Xunqueira de Espadañedo, Celanova, San Amaro e O Irixo

 

O Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense vén de poñer en marcha unha campaña denominada “Escolas rurais de saúde mental”. No marco desta iniciativa, en diferentes emprazamentos de diversos puntos da xeografía rural da provincia promoveranse charlas orientadas a formar e informar achega do papel que a farmacia comunitaria pode ter en relación á saúde mental, con especial fincapé na prevención.

Esta campaña que arrincou recentemente coa implicación da Farmacia María Soledad Rodríguez Garrido situada en Xinzo de Limia, seguirá desenvolvéndose, ao longo dos meses de marzo e abril, a través de charlas noutros municipios como Celanova, Xunqueira de Espadañedo, San Amaro, O Irixo e Manzaneda.

Cada farmacéutico implicado na iniciativa procedente de cada un destes concellos ofrecerá dúas charlas no marco da campaña: unha orientada á poboación en xeral (incluídos os propios usuarios de oficina de farmacia con patoloxías de saúde mental) e outra dirixida aos seus coidadores.

O obxectivo desta medida, aliñada coa estratexia de Prevención e actuación en saúde mental desde a farmacia comunitaria que emana do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos de España, é “contribuír á detección de síntomas e signos indicativos de calquera tipo de patoloxía mental desde as boticas do rural ourensán”.

Posta en valor da farmacia rural

Ao tempo, promoverase a identificación de recaídas, empeoramento ou condutas de risco provocadas por patoloxías mentais que poidan ter os usuarios da rede de farmacias ourensás, especialmente os do rural. “En moitos puntos da xeografía provincial, a farmacia representa o centro sanitario máis próximo e accesible aos cidadáns, ás veces o único”, sinala o presidente do COF de Ourense respecto desta iniciativa, Santiago Leis Vence.

O máximo responsable dos farmacéuticos ourensáns defende ademais a educación sanitaria e o fomento do autocoidado que pode ofrecerse desde a farmacia comunitaria para axudar aos afectados por patoloxías mentais e aos seus achegados. Con esta iniciativa, “contribúese, ademais, a favorecer a adherencia aos tratamentos e tamén loitamos contra o estigma que existe aínda respecto diso da saúde mental”, conclúe Leis Vence.

Back to top button