DeportesÚltima hora

Campionato de bolos en Meda (A Veiga)

 

No marco da celebración das súas festas patronais, a aldea de Meda, no concello da Veiga, celebrará o vindeiro mércores 26 de agosto unha nova edición do seu Campionato de Bolos. O evento, que dará comezo ás 18:00 horas, búscase consolidar ano tras ano como un dos puntos de encontro máis agardados por veciños e visitantes.

A competición desenvolverase no tradicional ‘Xogo dos bolos’ de Meda, un espazo que se atopa situado na pista que conecta esta aldea coa veciña Curra, un acceso que se toma xusto á altura do novo parque infantil da aldea.

Dende a organización deseñouse un cadro de premios moi tradicional e atractivo para incentivar a participación de grandes e pequenos:

1º Premio: Un xamón.
2º Premio: Unha botella de viño da comarca.
3º Premio: Unha botella de licor.

Co obxectivo de dinamizar a xornada e facer máis agradable a estancia do público e dos xogadores, o recinto contará con servizo de bar durante todo o transcurso do campionato.

Dende a Asociación Cultural ‘Meda Medra’ fan un chamamento á participación de toda a comarca, animando a veciños e visitantes a achegarse a Meda para continuar con esta senlleira tradición. Con respecto á importancia de manter vivo este evento, dende o colectivo lembran con morriña o peso histórico que tiña: “Antigamente non había aldea na que non se xogara aos bolos nas festas, era un dos actos máis importantes e nos que ían todos; é unha pena que se perdan as tradicións e o xogo”, din dende a entidade.

 

Back to top button