
Nas máis de tres décadas que leva cantando, pola Coral Polifónica Candea levan pasado varios directores. O último, Víctor Nogueira, chegaba a finais de 2022 e logo de tres anos á fronte da coral vianesa, en marzo deste 2026 pasáballe a batuta a Sandra González, profesora na Escola de Música de Trives e directora do Orfeón Trivés, que será presentada oficialmente como directora de Candea este venres 15 de maio aproveitando o Festival das Letras Galegas que organiza en colaboración co Concello de Viana do Bolo e o Santander.

O evento musical celebrarase na Casa da Cultura de Viana do Bolo ás 20 horas e contará coas actuacións das Pandereteiras As Travesas da Mezquita, das Cantareiras de Trives, dos Trouleiros de Verín e da propia Candea (que actualmente conta con 40 voces). Tamén aproveitará a ocasión para despedir a Víctor.
E xa a finais deste mes de maio, Candea viaxará ata Chaves (Portugal) para participar no Encontro Ibérico de Coros que durará toda a fin de semana. A coral polifónica vianesa cantará o venres día 29.