OurenseÚltima hora

“cANTA Castaña”, a proposta da ourensá Beatriz Alcalá no concurso “De Tapas por Galicia 2023”

 

Sete petiscos, sete cociñeiros e sete cidades. De Tapas por Galicia 2023 poñerá a competir a sete cociñeiros das principais cidades galegas nunha aposta de Turismo de Galicia pola promoción do turismo urbano aderezada pola súa oferta gastronómica. E entre eles estará Beatriz Alcalá de “La Zapatería del abuelo” que competirá por Ourense coa proposta cANTA Castaña.

A VII Gala Show Cooking “Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia” terá lugar o 21 de marzo no Hotel Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela. Unha cita consolidada que vai xa pola súa sétima edición e que deixa patente a variedade e creatividade da gastronomía galega, mais enmarca tamén ditas experiencias en cidades atraentes e dinámicas cunha historia e cultura de seu.

Nos concursos de tapas celebrados durante o ano 2022 nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Vigo, Pontevedra e Santiago de Compostela e no 2021 en Ourense foron seleccionados os 7 cociñeiros que participarán nesta gala. A ruta suxerida percorrerá a xeografía galega no sentido das agullas do reloxo ata rematar en Santiago de Compostela, destacando algúns dos seus principais recursos turísticos urbanos, xunto coa proposta de tapa representante de cada cidade.

Tras estudar enxeñaría e desenvolver esta profesión en Cataluña durante anos, Beatriz Alcalá decidiu volver á súa cidade natal, Ourense, e, coa súa irmá, converter no 2021 a zapataría do seu avó nun café enfocado a almorzos e merendas tras un plan de negocio moi estudado. Neste local do casco vello pódense atopar aínda zapatos e maletas do negocio do avó de Beatriz. Ten aspecto de gran café con escalinata de madeira e unha barra que evoca faladoiros literarios.

 

 

A súa proposta: cANTA Castaña ten unha base de crema de cabaza sobre crocante de castaña con queixo Savel e castaña confeitada.

As outras propostas

Xunto coa de Beatriz Alcalá, o resto das propostas que os chefs presentarán ao concurso constitúen un verdadeiro repaso a algúns dos máis salientables produtos de calidade que definen a gastronomía galega. Así, Sheila Martínez do restaurante Roots da Coruña apostou polos chocos, mentres que Álex M. Bacelo e Mar Lago do Bacelo de Ferrol, inclináronse polo touciño. Xa en Vigo, Ana Vilar da Cervexaría Leria, optou polos cogomelos; mentres que a base de Álvaro Villasante do Restaurante Paprica de Lugo será o bonito e a de Rubén González de “El Cafetín” de Pontevedra, o bacallau. E, como sobremesa, ao chegarmos a Santiago de Compostela, que mellor que unha peculiar torta de améndoa da man de Álvaro Pérez, do ArteSana Gastrobar.

Os sete cociñeiros disputarán por dous galardóns. Por unha banda, o premio do xurado profesional, que estará integrado por Lucía Freitas, representante do Grupo Nove; Marta Fernández, directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG); Laura García del Valle, xornalista e autora de “La Galicia del plato pequeño”; por Cesáreo González Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia; e Lola Crespo Núñez-Villaveirán, @lolaframbuesa. Todos eles valorarán cada tapa segundo a súa complexidade técnica, creatividade, presentación e sabor. Por outra, o premio do xurado popular, que se elixirá mediante un sistema de televotación. Os dous gañadores faranse con cadanseu trofeo acreditativo e un vale de até 500€ que poderán trocar en restaurantes do Grupo Nove.

A cita enmárcase na estratexia que Turismo de Galicia desenvolve para promover este tipo de turismo cultural e de proximidade, a través da cooperación entre as empresas do sector, as asociacións e as institucións.

Artigos relacionados

Back to top button