EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosPizarraÚltima horaVídeos

Carballeda de Valdeorras será o primeiro Concello Mineiro de Galicia pola súa “histórica vinculación coa lousa”

Anunciábao a conselleira de Economía na visita que facía esta mañá ao sector. Esta declaración implicará que, tanto o concello como as empresas que xeran esta actividade van ter en todas as convocatorias públicas ligadas á minería unha puntuación superior, e o municipio tamén terá prioridade á hora de facer calquera tipo de colaboración para o desenvolvemento do sector e a posta en valor do patrimonio mineiro

 

Carballeda de Valdeorras será o primeiro municipio de Galicia en ser declarado Concello Mineiro, despois de que así o solicitase o goberno local por cumprir cos requisitos exixidos. Así o anunciaba a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, na visita que realizaba neste mediodía ao sector da lousa.

“Eses requisitos son: que exista ou existise nos últimos dez anos unha especial incidencia da minería para a economía local; que este sector xere máis de 40 postos de traballo directos, tendo en conta especialmente o emprego cualificado e feminino; e que o número de explotacións no municipio sexa superior a cinco”, tal e como detalla a Consellería de Economía.

Nese sentido, Carballeda de Valdeorras cumpre con estas exixencias pola súa histórica vinculación co sector da lousa, que xera actualmente 2.000 empregos directos nas 25 explotacións que actualmente ten activas. “Esta declaración é para aqueles concellos onde efectivamente se poida demostrar que o sector mineiro ten un peso relevante dentro da economía da comarca, sen dúbida, algunha que este é o caso”, dicía Lorenzana. Contar con esta declaración, explicaba Lorenzana, vai supoñer que tanto o concello como as empresas que xeran esta actividade “van ter en todas as convocatorias públicas ligadas á minería unha puntuación superior, e o municipio tamén terá prioridade á hora de facer calquera tipo de colaboración para o desenvolvemento do sector e a posta en valor do patrimonio mineiro”.

 

 

 

Nesta visita ao sector da lousa, Lorenzana achegábase primeiro á nave de Pizarras del Valle, situada no Trigal, e, á continuación ata a canteira Oportuna de Pizarras Vazfer, en Casaio. Estaba compañada polo director de Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles, e polo delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, así como polo director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández; a alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, e polo presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Víctor Cobo, entre outras persoas.

Precisamente era a alcaldesa de Carballeda quen publicamente agradecía esta visita ao sector, que “é o motor económico de Valdeorras” e desexaba que esta primeira viaxe da conselleira á lousa “sexa o preludio de moitísimas visitas máis porque este é un sector moi vivo, moi dinámico e que necesita da axuda da Xunta”.

A conselleira lembraba que Galicia é líder tanto en produción de lousa como de granito. A metade das explotacións de lousa ornamental en España están en Galicia e, tamén, máis da metade dos postos de traballo que xera esta actividade.

Neste contexto, Lorenzana informaba de que a partir do vindeiro mércores 9 de abril xa se van poder solicitar as axudas para fomentar a sustentabilidade na actividade industrial dos recursos naturais, cun orzamento de 2,4 M€ e que oscilan entre os 100.000 e os 3.000 euros. Son para protexer a contorna das zonas afectadas pola actividade mineira; para mellorar a seguridade e saúde laboral no sector; para o aproveitamentos das augas minerais, termais e de manancial; para certificación; e, como novidade, para a adquisición de equipos que permita mellorar a eficiencia enerxética nas empresas, especialmente, aquelas que se dediquen ao envasado das augas minerais naturais, así como as empresas de explotación de balnearios.

 

 

“Cremos que Galicia ten un potencial mineiro excepcional”, afirmaba a conselleira, para lembrar que, despois de 13 anos, hai 51 concursos de dereitos mineiros convocados; 10, na provincia de Ourense. En concreto, na comarca de Valdeorras son dous, que afectan os concellos do Barco de Valdeorras, Vilamartín e Petín, para a extracción de lousa, apuntaba. Así mesmo anunciaba que “a finais deste ano imos lanzar outros permisos de investigación para seguir traballando nun sector que dá emprego de calidade e que, ademais, é fundamental para o autoabastecemento da UE e de Galicia”.

 

 

Lorenzana avanzou, ademais, que a Xunta xa está traballando na actualización da Axenda da Minería Sustentable de Galicia para o período 2025-2027. “É clave a estratexia mineira para Galicia. Esta comunidade ten un potencial mineiro excepcional”, engadía.

 

 

Turismo industrial

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientaba a vantaxe deste territorio ao contar “cun pasado e cun presente que permite o seu aproveitamento como recurso turístico industrial relacionado coa lousa”.

Merelles incidía en que “este patrimonio que ten Valdeorras posúe un gran potencial para desenvolver o turismo industrial e estamos en conversas co Clúster da Pizarra de Galicia. Hai certos proxectos que están aí e probablemente poidamos desenvolver nun curto prazo algunhas alternativas para potenciar o turismo industrial da lousa, tendo en conta tamén a tradición mineira desta comarca”. Neste senso aludía a precedentes deste sector como a explotación de volframio nas Minas de Valborraz. “Hai paraxes arredor da lousa que estamos seguros de que teñen un gran potencial para un desenvolvemento turístico”.

 

 

Engadía que Galicia posúe múltiples exemplos deste tipo de turismo que van desde as conserveiras, a industria de salgadura, a construción naval, as instalacións mineiras e as eléctricas, entre outras, e referiuse tamén a á tradición mineira de Valdeorras. “O turismo industrial ten unha compoñente etnográfica moi importante ao permitir entender a vida dos habitantes, abrindo a posibilidade de coñecemento de historia locais”, sinalou.

Nesta mesma xornada de 4 de abril, a conselleira de Economía e Industria vai celebrar, tamén, unha reunión de traballo con representantes do Clúster da Pizarra.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Reunión do Clúster da Pizarra de Galicia coa conselleira de Economía, en Sobradelo

Artigos relacionados

Back to top button