Dende o primeiro momento do seu concerto nas Ermidas (O Bolo), na tarde do 18 de xullo, Carlos Núñez collía da man ao público para convidalo a unha viaxe a través das súas melodías.

Facéndoo cómplice e tamén protagonista, compartindo historias, explicando detalles de instrumentos como a gaita irlandesa “uilleann pipes” na que non se sopra, explicándolle pasos de baile en diversas pezas como “Andro” ou ben, saindo directamente a buscar persoas para convidalas a bailar xunto a el no escenario.
Tamén lle daba voz. E, así, por exemplo, subíase ao escenario o sacerdote das Ermidas (O Bolo), José Antonio Crespo, quen tras explicar ás orixes do santuario, “no que unha experiencia de fe deu orixe a este lugar”, concluía destacando que “estes artistas coa súa presenza viñeron a recordarnos que este é un monumento, unha obra de arte e o produto dunha milagre”.
O mesmo acontecía do director da Axencia de Turismo de Galicia, entidade que apoiaba o concerto. “Sen dúbida este é un lugar máxico e é unha satisfacción poder ter contribuído á celebración deste concerto”, dicía o valdeorrés Xosé Manuel Merelles.
En definitiva, Carlos Núñez, buscaba que todos se implicasen no concerto, na música e na festa e que a alegría agromase do talento, da entrega e da emoción. E, sen dúbida, lográbao.

A organización do concerto contaba coa colaboración das agrupacións de voluntarios de Protección Civil de O Bolo, Petín e Manzaneda, que, ademais de organizar o tráfico e informar ás persoas que se achegaban ata o concerto en coche, tamén velaban pola seguridade no interior do adro e no exterior.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: O SIL.
Máis información e fotos:


