Novo rostro á fronte da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA). Os socios desta organización renovaban a súa xunta directiva, ata o de agora presidida por Araceli Fernández del Palacio. Á cabeza deste equipo está o barquense Carlos Manuel Terán Búa, fillo do que fora primeiro presidente desta entidade, nacida en 1990, Carlos Terán, tal e como el mesmo lembraba nada máis asumir o cargo. “Hoxe traio un recordo moi persoal, o legado do meu pai, Carlos Terán Díaz, “un dos impulsores, xunto ao seu irmán, de Agricentro Terán desde os anos 60, empresa familiar iniciada en 1881 que hoxe continúo. Crecín escoitando os seus relatos sobre os desafíos daqueles primeiros anos, a defensa de infraestruturas, a insistencia na necesidade de chan industrial e a convicción de que o asociacionismo e a unión empresarial fan a forza. Eses acenos de identidade marcaron os primeiros pasos de AEVA; hoxe honro esa traxectoria herdada e asumo a responsabilidade de continuar construíndo sobre esas bases co mesmo compromiso”.

O seu equipo directivo conta, ademais, cos vicepresidentes Araceli Fernánez, Carlos García, María Carmen Rodríguez e Pilar Bustillo, sendo o secretario Severino González, e o vogal e tesoureira Margarita Alejandre. A xunta directiva complétase cos seguintes vogais: André González, Carolina Álvarez, Cristina de la Torre, Javier García, Luis Álvarez, María Carmen Cruz, Manuel Ángel Fernández, María Antonia Franco, Miguel Ángel López, Noelia Blanco, Ricardo Cela e Simón Val.
Tras a elección deste novo equipo, Carlos Manuel Terán Búa adiantaba o que serán as prioridades do seu mandato, entre as que destacaba, “manter unha comunicación aberta cos asociados, creando canles permanentes para recoller necesidades, inquietudes e suxestións de forma continua. Fomentar a colaboración entre empresas e coas administracións e institucións, impulsar iniciativas conxuntas que reforcen tanto o desenvolvemento económico como o benestar social e contribúan a frear o despoboamento, xerando oportunidades que incentiven a permanecer e atraer talento e familias”. Tamén se refería ao traballo na mellor de infraestruturas e servizos básicos, no impulso do turismo “como motor de dinamización, impulsando experiencias que unan a oferta enolóxica, patrimonial, cultural, e natural da comarca, de modo que o fluxo de visitantes favoreza o consumo en empresas e servizos locais. Buscarase fortalecer a visibilidade de Valdeorras como destino atractivo, apoiando a coordinación entre actores para deseñar propostas coherentes e eficaces, integrando a innovación na xestión de recursos e actividades”.
Ao mesmo tempo, o novo presidente de AEVA aposta por “promover o comercio local” e “integrar a dimensión social, promovendo a implicación das empresas en accións que beneficien á comunidade e reforcen a cohesión comarcal. A xestión basearase na transparencia e a participación convocando espazos de diálogo que permitan axustar as decisións segundo as necesidades reais”.
E Carlos Terán concluía asegurando que asume a presidencia de AEVA “con entusiasmo e responsabilidade asumo esta presidencia, inspirado no pasado e coa mirada no futuro. Grazas por confiar en min, e no equipo da nova xunta directiva nesta nova etapa, trataremos de que esta asociación sexa un auténtico motor, convertendo desafíos en oportunidades, de progreso e benestar para toda a nosa comarca. Adiante con AEVA e con Valdeorras!”.
Balance do 2024
A elección da nova xunta directiva era o penúltimo punto dunha asemblea na que tamén se facía balance do labor desenvolvido por AEVA no último exercicio, “marcado por importantes retos e logros para a nosa asociación. Nun contexto de cambios económicos e sociais, redobramos esforzos para apoiar ao tecido empresarial da nosa comarca, defendendo con firmeza as nosas reivindicacións históricas e poñendo en marcha iniciativas para impulsar o desenvolvemento local”, en palabras da presidenta saínte, Araceli Fernández.
Tamén explicaba como ao longo do 2024 esta asociación empresarial centraba os seus esforzos en “tres eixos fundamentais: a mellora das infraestruturas de Valdeorras, a promoción do emprego e a formación do capital humano das nosas empresas, e o fortalecemento do comercio de proximidade e a hostalería local. Grazas ao traballo conxunto da xunta directiva, o equipo técnico de AEVA e a colaboración de institucións e entidades, podemos afirmar que tratamos de avanzar en competitividade, sustentabilidade e cohesión empresarial. Quixese destacar especialmente o éxito do programa AEVAempregaTE VI, froito da colaboración coa Deputación de Ourense”.
Deste xeito, a presidenta facía un repaso no punto de memoria de actividades sobre as xestións realizadas no pasado ano dende a entidade, tanto coas administracións como con outros organismos, as accións en materia de formación e competitividade empresarial e iniciativas como a Ruta dos Pinchos do Barco, a campaña “Valdeorras Sostible” ou o programa “Recomenda Valdeorras”.
Incidía ademais en que as infraestruturas continúan sendo o principal cabalo de batalla da asociación. “Valdeorras arrastra historicamente un déficit en infraestruturas de transporte e comunicacións que AEVA seguiu combatendo durante 2024. A nosa asociación, realizou numerosas xestións para trasladar as seguintes necesidades prioritarias”, entre as que facía especial fincapé na autovía A-76 (Ourense-Ponferrada), sobre a AEVA insistía “na necesidade de acelerar o inicio das obras desta autovía esencial, chamada a conectar Valdeorras coa Meseta e a capital provincial. Actualmente, a comarca depende da estrada convencional N-120, cuxa insuficiente capacidade e estado empeoran a accesibilidade e afastan a Valdeorras do resto da provincia”.
E sobre a N-120 AEVA demandaba “demandamos actuacións de mellora e mantemento, incluíndo reforzo do firme, maior seguridade viaria e solucións aos tramos máis conxestionados. Esta vía, columna vertebral das nosas comunicacións, debe poñerse ao nivel das necesidades actuais do tráfico comercial e particular. AEVA elevou estas demandas ante os representantes autonómicos e estatais, subrayandoque as deficiencias da N-120 prexudican a competitividadde as nosas empresas ao incrementar tempos e custos loxísticos”.
No decurso da asemblea aprobábase a memoria de actividades, así como as novas afiliacións (un total de 14), as contas do ano 2024 e a previsión de orzamento para o 2025.
Así mesmo Araceli Fernández despedíase do cargo agradecendo “sinceramente a todos os asociados a súa confianza e compromiso. Cada empresa membro, grande ou pequena, contribúe ao fortalecemento da nosa asociación e ao benestar de Valdeorras. Estendo tamén o noso agradecemento ás administracións públicas polo seu apoio en proxectos comúns”. E amosábase confiada de que “a asociación continuará crecendo e defendendo con eficacia os intereses dos nosos empresarios baixo o novo liderado”.

Homenaxe ás empresas que cumpren 20 anos en AEVA
Xa no peche da asemblea homenaxeábase as empresas que cumpren vinte anos asociadas a AEVA. Nesta ocasión eran:
- Francisco Barredo González – Lambone en Casa
- Lucio Santalla Quiroga – Doce Ópticos Grupo Interópticas
- Mª Luisa Osorio Fernández – Volaverunt
- Mª Luz Otero Illanes – Estanco-Librería Laura (que non puido asistir ao acto).
Deseguido, dábase paso ao acto de clausura, que corría a cargo do subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, coa presenza tamén do alcalde do Barco e de representantes da Confederación de Empresarios de Ourense, que agradeceu a súa participación e desexou éxito á nova Xunta Directiva antes de dar paso ao cóctel e ao viño de Valdeorras.
Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.
Vídeos: O SIL.
Ampliarase galería fotográfica.