PolíticaÚltima hora

Carmen Rodríguez Dacosta encabezará a lista do PSdeG-PSOE por Ourense ao Congreso e María Fernández a do Senado

O PSdeG-PSOE provincial vén de ratificar as candidaturas a ambas cámaras tras as propostas recibidas polas asembleas locais

 

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar unha reunión da Comisión Executiva Provincial e do Comité Provincial na tarde deste 14 de outubro na que se ratificaron as candidaturas ao Congreso dos Deputados e ao Senado de cara ás eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro. Con este paso, os socialistas ourensáns activan a maquinaria electoral cun obxectivo claro, que “é saír a gañar e ofrecer á cidadanía unha alternativa de progreso, igualdade e defensa dos intereses da provincia”.

A partir de agora, corresponde ás estruturas superiores do partido concretar e aprobar as candidaturas definitivas no Comité Federal do que sairán as candidaturas do PSOE para toda España. A confección destas candidaturas está regulada nos estatutos mediante un proceso no que cada órgano desenvolve un papel diferente antes de que o Comité Federal escolla as definitivas. As asembleas locais da provincia foron as encargadas de realizar as diferentes propostas.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila, destaca que o partido está preparado para afrontar a cita electoral cun proxecto “sólido, experiencia de goberno e argumentos para explicar á cidadanía todo o que se fixo nos últimos 8 anos e todo o que aínda queda por facer. Estamos preparados para estas eleccións e saímos a gañar. Temos un partido forte, con experiencia, con proxecto e, sobre todo, con feitos que avalan a nosa forma de gobernar”, sinala Vila, que tamén apunta que “o 29 de novembro xogámonos moito, porque o PSOE é o único voto útil na provincia de Ourense para frear un posible goberno da dereita e a ultradereita”.

O dirixente socialista subliña que estas eleccións “non van unicamente de siglas ou de representación institucional, senón de decidir que modelo de país se quere e que intereses se van defender. Fronte aos recortes, á involución e ás políticas que deixan atrás a maioría social, nós defendemos un modelo que crea oportunidades, fortalece os servizos públicos, mellora os salarios e as pensións e inviste no territorio”.

“Ourense sabe perfectamente o que significa ter un Goberno socialista en España. Foron anos de investimentos fundamentais para as comunicacións, para as infraestruturas e para a cultura, cunha aposta que permitiu avanzar en cuestións que son decisivas para o futuro da provincia. Fronte aos que só aparecen para facer promesas, nós podemos presentar un balance de actuacións e compromisos materializados”, segundo Vila.

 

 

 Un partido mobilizado para “defender Ourense”

O PSdeG-PSOE de Ourense afronta a convocatoria electoral coa “vontade de mobilizar a súa militancia e trasladar por tódolos concellos da provincia a importancia de contar cunha representación socialista forte no Congreso e no Senado”. A ratificación das candidaturas por parte da Comisión Executiva Provincial e polo Comité Provincial supón, tal e como indica o partido, “un paso máis na preparación dunha campaña na que as e os socialistas apostarán por explicar o seu balance de Goberno, defender as políticas de progreso e presentar novas propostas para responder aos retos demográficos, económicos e sociais da provincia de Ourense”.

“imos saír a estas eleccións con ilusión, con forza e coa convicción de que Ourense merece seguir avanzando”, afirma o secretario provincial das e dos socialistas ourensáns. Vila conclúe sinalando que “o 29 de novembro pedimos a confianza da cidadanía para seguir construíndo un país e unha provincia con máis dereitos, máis oportunidades, máis igualdade, máis investimentos e máis benestar social”.

 Estas son propostas de candidaturas ás Cortes Xerais aprobadas polo comité provincial hoxe, segundo  información feita pública polo partido:

 

Back to top button