
A Xunta de Galicia vén de completar un ambicioso plan de reforzo tecnolóxico da Atención Primaria, que supón un investimento de 1.970.938,75 € para a adquisición de equipamento de última tecnoloxía nos centros de saúde e puntos de atención continuada (PAC) da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, co obxectivo de potenciar a súa capacidade asistencial, potenciando o traballo da enfermaría e favorecendo unha atención máis resolutiva, próxima e eficiente.
Este orzamento forma parte de diversas iniciativas de contratación, que permitiron renovar e ampliar o equipamento dos 103 centros de atención primaria e 14 PAC da provincia, con 85 espirómetros, para a valoración da función pulmonar; 19 retinógrafos, para cribado e seguemento de patoloxías da retina; 45 gasómetros, fundamentais no control de agudizacións respiratorias e outras situacións clínicas; 44 analizadores de hemoglobina glicada, que veñen a reforzar os programas de seguemento e control dos pacientes con diabete; e 111 equipos MESI mTABLET, innovadora plataforma multifunción para diagnóstico integral.
Este equipamento reforzará os diversos programas de seguemento de pacientes crónicos, que se realizan habitualmente desde Atención Primaria, e facilitarán o diagnóstico precoz e cribado de pacientes de risco de patoloxías respiratorias, coronarias, diabete.. permitindo unha atención completa desde o propio centro de saúde, reducindo derivacións innecesarias e mellorando a calidade dos controis clínicos.
MESI: Desde un electro a unha espirometría
Entre os dispositivos incorporados destaca a tecnoloxía “MESI mTABLET”. Estes equipos de última xeración representan o investimento máis elevado, superando a metade desta partida, cun custe global en Ourense de 1.383.393 euros. Trátase dunha tableta portátil que integra múltiples probas diagnósticas, nun único dispositivo, facilitando o traballo asistencial da enfermería e mellorando a capacidade resolutiva dos centros de saúde.
As súas funcións inclúen a medición do índice nocelo-brazo (ABI/ITB) ou índice dedo-brazo (TBI) para pacientes con arterias non comprimibles, algo frecuente en persoas con diabete ou de idade avanzada; electrocardiograma dixital; oximetría (SpO₂); medición automatizada da presión arterial e espirometría integrada. Xunto a elo a plataforma permite volcar os resultados directamente na historia clínica electrónica do paciente, garantindo máxima seguridade e acceso inmediato por parte do equipo asistencial.

Examinar a retina sen necesidade de dilatar a pupila
Cun investimento de 333.356 euros, os novos retinógrafos veñen a reforzar o programa de seguemento de pacientes crónicos, clave na diabete e na detección temperá da retinopatía diabética e de patoloxías oculares, no marco do programa de teleoftalmoloxía que se desenvolve en primaria desde hai anos.
A chegada dos 19 retinógrafos permite renovar os existentes e distribuilos a todos os Servizos de Atención Primaria, nas cabeceiras de comarca. Ao tratarse de equipos “non midriáticos” permiten realizar exploracións de retina sen necesidade de dilatar as pupilas, eliminando así molestias e permitindo facer vida normal ao finalizar a proba.
O obxectivo é facilitarlle aos profesionais o seguemento das persoas con diabete, así como realizar un cribado precoz doutras alteracións da retina, como dexeneración macular, glaucoma ou retinopatías vasculares. Ademais, os resultados poden ser avaliados precozmente mediante interconsulta telemática, co servizo de Oftalmoloxía de referencia, reducindo tempos de espera e mellorando a coordinación asistencial.
Un plan de formación á medida
En paralelo á chegada e distribución dos equipos, a Subdirección de Enfermaría da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras elaborou un plan de formación intensivo, que percorreu todos os centros de saúde desde o verán, cunha sesión de “repesca” no mes de outubro, para incluír ao persoal que non puidera asistir nas datas iniciais, así como ao de nova incorporación. Grazas a esta iniciativa, todo o equipamento está xa operativo, empregándose a diario nas consultas de Atención Primaria.
Ademáis, tendo en conta o concurso aberto e permanente que permite o traslado e incorporación de persoal de xeito periódico, a Guía de Acollida elaborada pola Subdirección de Enfermería de Atención primaria xa inclue un manual sobre o funcionamento dos novos equipos destinado a que o persoal coñeza desde o primeiro momento do material que dispón.
Xunto a esto, a manual tamén inclúe información sobre a organización e os equipos de atención primaria, as axendas de calidade, citación, os programas máis empregados, desde a historia clínica electrónica (IANUS) ás aplicación de seguemento de pacientes anticoagulados, a domicilio (TELEA); ou tamén de subministros ou mantemento, ademais dos programas de abordaxe da cronicidade, cribados, saúde comunitaria etc.