En portadaSanidadeÚltima hora

Case 200 consultas de pneumoloxía realizábanse no Hospital do Barco nos tres primeiros meses deste ano

Neste mesmo período tan só 14 pacientes de Valdeorras con silicose precisaron ser atendidos en Ourense para ampliar estudos e realizar probas específicas, segundo a área sanitaria ourensá

Entrada principal do Hospital Público de Valdeorras./ Foto: A.R.

 

Nos tres primeiros meses deste ano un total de 197 pacientes foron xa atendidos directamente no Hospital Público de Valdeorras, no Barco, por parte dos especialistas do Servizo de Pneumoloxía da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, “que consolida a súa actividade asistencial no Barco, co obxectivo de achegar a atención especializada á poboación da comarca evitando traslados innecesarios”, segundo se informa dende a área sanitaria ourensá.

Neste mesmo período, de xaneiro a xuño deste ano, tan só 14 pacientes de silicose, do distrito sanitario de Valdeorras, deberon trasladarse ao Hospital Universitario de Ourense, para ampliar estudos e realizar probas específicas, por indicación do servizo de pneumoloxía, que estableceu unha consulta específica de silicose grave.

Das 197 consultas de pneumoloxía, realizadas nestes tres primeiros meses, no Hospital Público de Valdeorras, 67 corresponderon a primeiras consultas (34%) e 130 a revisións (66%), o que reflicte non só a captación inicial de pacientes, senón tamén a consolidación dun seguimento continuado no propio centro.

Esta reorganización permite que a maior parte dos pacientes con patoloxías respiratorias, e en particular aqueles afectados por silicose, sexan atendidos directamente no Barco de Valdeorras, evitando desprazamentos e facilitando un seguimento máis próximo e continuo, así como unha maior coordinación cos profesionais de Atención Primaria, que en moitos casos realizan o seu seguemento.

458 pacientes atendidos no Barco por pneumoloxía

Desde a posta en marcha desta actividade asistencial, o Servizo de Pneumoloxía leva atendidos xa a 458 pacientes directamente no Hospital Público de Valdeorras, entre os que se inclúen pacientes crónicos, tanto de silicose como de outras patoloxías respiratorias con alta prevalencia como a EPOC (Enfermidade Pulmonar Obstructiva Crónica) entre outras.

Seis meses despois da creación da Unidade de Silicose da Área Sanitaria, o Servizo de Pneumoloxía desenvolveu un intenso traballo de triaxe e estudo dos casos diagnosticados en Valdeorras, co fin de ofrecer a cada paciente a atención máis axeitada segundo o seu grao de afectación, aplicando a vía clínica que facilita o seguemento e creando unha consulta específica de silicose grave.

Estableceuse un dobre circuíto asistencial, por unha banda, priorizando a atención no Hospital Público de Valdeorras, mediante consultas presenciais periódicas; e por outra, a derivación dos casos máis complexos ao Hospital Universitario de Ourense, onde se realizan consultas de acto único que inclúen probas de función pulmonar no mesmo día.

O labor desenvolvido nestes meses permitiu tamén completar o rexistro de casos e dimensionar as necesidades asistenciais, nun contexto marcado pola gran variabilidade clínica desta enfermidade profesional, e os factores de risco como a concomitancia con outras enfermidades respiratorias, como a EPOC  ou tabaquismo  que as veces derivan nun diagnóstico tardío ou peor prognóstico.

Back to top button