ConcellosEn portadaÚltima horaViana do BoloVídeosVilariño de Conso

Case un cento de máscaras diferentes poderán verse na IX ViBoMask de Viana e Vilariño de Conso

Nesta edición participarán 44 grupos de diferentes partes da península e tamén 1 de Sappada (Italia)

 

Ata un cento de enmascarados de diferentes festas de inverno da Península Ibérica e mesmo de Italia despregarán os seus rituais polas rúas de Viana do Bolo e de Vilariño de Conso na fin de semana do 26 ao 28 de abril durante a celebración do IX Festival Internacional Mascarada Ibérica ViBoMask. Así se destacaba durante a presentación do seu programa que tiña lugar esta mañá no Concello de Viana do Bolo. “Dende os Concellos de Viana e Vilariño estamos facendo un gran esforzo grazas á axuda das asociacións, como é o caso de Robreda e tamén ao apoio de Jorge Domínguez. Tamén queremos agradecer ao Inorde e a Deputación e o apoio que nos dá”, dicía o alcalde vianés, Andrés Montesinos durante este acto, no que estaba acompañado pola alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, e polo coordinador do evento, Jorge Domínguez.

Montesinos tamén confiaba en que o tempo acompañase na vindeira fin de semana e aseguraba que se espera que esta edición da mascarada resulte novamente un éxito e que “a xente que veña ata aquí poida desfrutar da localidade e tamén da festa”.

 

 

Deseguido, tomaba a palabra o coordinador da ViBoMask, Jorge Domínguez “Minas”, quen comezaba agradecendo o apoio dos alcaldes neste proxecto ás asociacións que preside (Robreda e Asociación de Fulións Rurais de Viana do Bolo), “ao igual que a Asociación de Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso. Sen a axuda do Inorde e dos Concellos non se podería celebrar esta ViBoMask”. Lembraba así mesmo o respaldo das diferentes empresas e outras entidades dos municipios nesta iniciativa.

Ademais do valor cultural e social que supón este evento, Domínguez incidía tamén na súa repercusión económica nos municipios nos que se celebra. Tamén convidaba ao público a asistir para “ver a cultura e a tradición que nos chega dende diferentes puntos da península. Haberá agrupacións das catro provincias galegas, pero tamén do norte de Portugal e de comunidades españolas como Asturias, Cantabria, Asturias, País Vasco, Castela e León e Castela A Mancha”.

 

 

O coordinador da mascarada tamén anunciaba que o 20 de abril se inaugurará na Sala de Exposicións do Concello a mostra “Entroido. Mobiliario vestido” de Piquico, acompañada dunha escolma de imaxes de anteriores edicións da Mascarada. E, logo detallaba cada un dos apartados do programa deste edición, no que entre outras actividades destacan os desfiles en Viana ás 17h. do 27 de abril e en Vilariño de Conso ás 11:30h. en Vilariño de Conso, así como un ViBoMarket en ambas vilas.

O acto pechábao a rexedora de Vilariño de Conso, quen destacaba que a “ViBoMask é xa un festival consolidado. Cando empezabamos coa metade dos grupos que hoxe nunca pensamos medrar tanto. Sen o traballo das asociacións e de Jorge e sen todos os medios humanos que se poñen neste festival sería imposible facelo nestes dous municipios. Toda a poboación vólcase neste festival, senón sería imposible consolidalo”. Melisa Macía animaba á participación neste evento, indicando ademais que no programa hai actividades moi diversas e para todos os públicos. “Ademais introducimos nos institutos e nos colexios as máscaras”, concluía.

Fotos: O SIL.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button