O vindeiro martes 11 de agosto ás 11 horas, presentarase no patio de armas do Castelo do Bolo, o libro Tradiciones y vivencias de nuestros antepasados, obra autobiográfica e costumista que rescata a memoria da vida rural galega de outrora, especialmente na aldea de Buxán, escrita por unha das súas veciñas, Castora Blas Cotado.

A través de recordos privados, relatos familiares, lendas populares e tradicións relixiosas, a autora reconstrúe un mundo marcado pola sinxeleza, o esforzo, a conexión coa natureza e a solidariedade entre veciños. De feito, o libro editado por Loto Azul, narra a súa infancia nunha Galicia profundamente ligada ás estacións, ao traballo do campo, aos animais e ás crenzas populares. Tamén reflicte a dor da emigración, o despoboamento das aldeas e a desaparición de costumes que durante xeracións deron identidade aos seus habitantes.
Ao longo das súas páxinas no relato aparecen personaxes entrañables como avós sempre sabios, curandeiras, campesiños, músicos, veteranos da Guerra Civil e veciños que transmiten ensinos sobre a vida, a natureza e a espiritualidade, mesturándose feitos reais con lendas galegas, supersticións e relatos máxicos que forman parte da tradición oral das terras do Bolo, destacando a Mázcara do Folión de Buxán que protagoniza a portada.

Cun ton emotivo e próximo, o libro preserva a memoria dunha xeración que viviu entre a dureza e a beleza do mundo rural, deixando constancia dos seus valores, crenzas e formas de vida para que non caian no esquecemento. A súa presentación correrá a cargo de Eva Estévez e Sergio Bogarin, contando, ademais da propia autora, coa presenza do seu neto Marcos Genovart que tocará o piano nun fermoso acto nun marco incomparable.