Medraba entre montañas e prados, reboleiros e castiñeiros, nunha aldea do Bolo, Buxán. De nena, a Castora Blas Cotado encantáballe acompañar aos seus avós no seu día a día, aprender deles e, sobre todo, escoitar as súas historias. Eses coñecementos sobre a súa aldea, os seus costumes e tradicións, así como o entorno natural que a rodea, vén de plasmalos agora, con 65 anos, nun libro que se presentaba na mañá do 11 de agosto no patio de armas do Castelo do Bolo. O seu título é Tradiciones y vivencias de nuestros antepasados. Nuestras raíces-nuestra historia (Narrativa Loto Azul).

O acto, sumamente emotivo e que contaba cunha notable asistencia, abríase coa intervención do alcalde do Bolo, Miguel Ángel García. Nel Castora estaba moi arroupada pola súa filla e netos, o seu irmán e un público moi animado en escoitar a presentación.

Este libro ten un carácter autobiográfico e costumista e nel a autora rescata a memoria da vida rural galega de de décadas atrás, especialmente na aldea de Buxán, tal e como ela a viviu na súa nenez e mocidade. Ao longo das súas páxinas no relato aparecen personaxes entrañables como avós sempre sabios, curandeiras, campesiños, músicos, veteranos da Guerra Civil e veciños que transmiten aprendizaxes sobre a vida, a natureza e a espiritualidade, mesturándose feitos reais con lendas galegas, supersticións e relatos máxicos que forman parte da tradición oral das terras do Bolo, destacando a Mázcara do Folión de Buxán que protagoniza a portada.

Tamén recolle Castora Blas a dor da emigración, o despoboamento das aldeas e a desaparición de costumes que durante xeracións deron identidade aos seus habitantes.
A presentación corría a cargo de Eva Estévez e Sergio Bogarin, contando, ademais da propia autora, coa presenza do seu neto Marcos Genovart.
Fotos: Enrique Fernández.

