ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Castro Caldelas rende culto ás chamas coa espectacular procesión da Festa dos Fachós

 

Entre lusco e fusco e retando ás baixas temperaturas, os caldelaos volvían cumprir cunha ancestral tradición na tardiña deste 19 de xaneiro, véspera de San Sebastián. A Festa dos Fachós reunía á veciñanza de Castro Caldelas, pero tamén a multitude de persoas chegadas doutros puntos da provincia de fóra.

 

 

Dende o adro do Santuario dos Remedios, no centro da vila, partía unha abraiante procesión. A alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, era a encargada de prenderlle ao xigantesco fachón de máis de 30 metros que a abría. Levaba a imaxe dun San Sebastián de palla. Detrás del ían centos de fachós pequenos acesos, seguindo un percorrido polo casco vello da vila, ata o castelo, nun camiñar só iluminado polas chamas.

 

 

Esta singular procesión de lume remataba no punto de partida: o adro do santuario, onde se queimaban todos os restos nunha gran fogueira, culminando o rito do lume purificador en medio do toque de campás.

 

 

 

 

Desta volta non había gaiteiros nin tampouco fogos artificiais en sinal de respecto polo accidente ferroviario acontecido en Andalucía.

Despois da procesión, comezaba o apartado gastronómico e musical dos Fachós, con chourizos feitos e curados con fume de carballo de Castro Caldelas, co pan artesán de forno de leña, co viño da D.O. Ribeira Sacra e cunha monumental “queimada”.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button