Unha vintena de persoas participaban na tarde deste 27 de abril na “Cata 80 aniversario da D.O. Valdeorras”, que impartía o director técnico deste consello regulador, Jorge Mazaira, na adega vilamartinesa O Cabalín. Esta era unha das actividades incluídas no programa das Festas do San Xurxo en Vilamartín.
O acto abríao a tenente de alcalde de Vilamartín, Sherezade Núñez, quen cedía á palabra de seguido a Jorge Mazaira, quen, tras agradecer a acollida da adega para poder desenvolver esta cata, referíase á historia de Valdeorras como Denominación de Orixe, incidindo na súa evolución ao longo do tempo. Tamén resaltaba a aposta pola “identidade e moita calidade” desta zona vitivinícola.
A continuación, os participantes iniciaban unha cata dun total de 10 viños de diferentes anadas, dos cales 6 eran godellos (de anadas que ían do 2024 ao 2014) e o resto tintos (de anadas entre o 2022 e o 2021). Entre eses viños había algunha garnacha e, como broche, un tostado.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: O SIL.