
Catro persoas feridas na tarde do domingo logo de bater contra un muro ao saírse da vía o vehículo no que viaxaban no municipio ourensán de Castrelo do Val. “Unha familia, os pais e dous menores, resultaron feridos e foron evacuados polo persoal sanitario”, segundo informa o 112 Galicia.
O accidente producíase pasados dez minutos das 19:30 horas da tarde do 1 de febreiro. “O particular que alertou ao 112 Galicia indicaba que un coche tras saírse da vía pola que circulaba, a OU-114, quilómetro 4.200, á altura de Gondulfes, en Castrelo do Val, batera contra o muro dunha casa. O alertador aseguraba que os ocupantes do vehículo estaban accesibles pero que necesitaban asistencia sanitaria”, indica o 112 Galicia, que, con estes datos, informaba ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Verín, ao GES de Laza e á Garda Civil de Tráfico.
Unha vez no punto, os Bombeiros confirmaron que os catro membros da familia, os pais e dous menores foron trasladados polo Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Ademais, indicaron que, debido ao impacto, tamén un farol de alumeado se viu afectado.