ConcellosManzanedaÚltima hora

Catro ofertas de empresas optan á execución da mellora do viario que une Soutelo con Manzaneda

Este viario ten unha lonxitude de 560 metros e é moi utilizado polos veciños de Manzaneda, Soutelo, San Martiño e Rozavales,

 

 

Exterior do Concello de Manzaneda.

 

A Xunta recibiu 4 ofertas de empresas para a execución das obras de mellora do viario que comunica co núcleo rural de Soutelo, na parroquia de San Martiño do concello ourensán de Manzaneda, licitadas por importe de 157.679 €.

Trátase dunha actuación ao abeiro do Plan Hurbe, co que a Xunta colabora coas entidades locais para a execución de obras de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

A actuación consistirá no acondicionamento do camiño municipal que une os núcleos rurais de Manzaneda e Soutelo, que actualmente conta con deficiencias na súa capa de rodaxe, drenaxe e sinalización viaria horizontal. Tamén se levarán a cabo a revisión das redes pluviais e a dotación de pequenas zonas verdes.

Este camiño coñecido como subida a Soutelo ten unha lonxitude de 560 metros e é moi utilizado polos veciños de Manzaneda, Soutelo, San Martiño e Rozavales, xa que é o principal viario que os comunica entre eles e entronca coa estrada provincial de Manzaneda ata A Pobra de Trives. Esta vía tamén é empregada polos turistas que visitan estas paraxes de alto valor paisaxístico, etnográfico e arquitectónico.

De acordo ao convenio asinado pola Xunta e o Concello ao abeiro do Plan Hurbe, a Administración autonómica asumirá o 70 % do custe da actuación, contratará e executará as obras, mentres o Concello de Manzaneda achegará o 30 % restante. O prazo de execución das obras estímase en catro meses.

A través doutras medidas e liñas de colaboración como este Plan Hurbe, o Goberno galego contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade como motores de dinamización, ao convertérense en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.

Back to top button