Máis do 65 % dos servizos de atención primaria de Galicia xa contan cun Plan local de Saúde, que adaptan a asistencia sanitaria ás necesidades de cada poboación, e dos que se benefician máis de 1,7 millóns de galegos e galegas.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares, interviña esta tarde no acto de entrega da III edición dos Premios anuais dos Plans Locais de Saúde, que organiza o departamento sanitario galego, no que resultaron premiados 23 servizos con 26 galardóns.
O máximo responsable do Servizo Galego de Saúde destacou que, desde a posta en marcha dos primeiros 14 plans locais de saúde no ano 2022, este modelo estendeuse de maneira exemplar, acadando na actualidade 95 servizos de atención primaria. Dixo tamén que o obxectivo é que no ano 2026 estes plans locais de saúde cheguen á totalidade dos servizos deste primeiro nivel asistencial.
Gómez Caamaño apuntaba que os plans locais de saúde reflicten o compromiso dos grupos de traballo de cada servizo de atención primaria a través de equipos multidisciplinares de médicos de familia, pediatras, enfermeiros, nutricionistas, entre outros profesionais, a quen lles agradeceu o seu traballo e dedicación.
O obxectivo destes plans é que o persoal de cada centro participe en labores de promoción e prevención da saúde, en colaboración cos servizos do seu concello, os centros educativos, os servizos sociais, as asociacións e a cidadanía, dando paso a unha mellor organización do traballo e ao desenvolvemento da función comunitaria dos centros de saúde.
O conselleiro destacou que os plans parten dunha análise exhaustiva da poboación, así como das súas particularidades e demandas sociosanitarias concretas para darlle unha resposta eficaz. Subliñou, así mesmo, que a avaliación constante dos plans resulta un factor clave para mellorar os resultados en saúde. Neste sentido, os datos reflicten un alto grao de satisfacción da cidadanía, cunha valoración media de catro sobre cinco.
Gómez Caamaño incidiu en que os plans locais marcarán a folla de ruta co propósito de mellorar a calidade asistencial dos pacientes, ademais de reducir a incidencia das patoloxías máis prevalentes en cada concello, integrando o centro sanitario coa súa contorna en beneficio da poboación.
O conselleiro rematou a súa intervención coa felicitación aos profesionais dos servizos premiados: Os Mallos (A Coruña), As Pontes, Caranza (Ferrol), Cambados, Bueu, A Estrada, Elviña-Mesoiro (A Coruña), Sarria, Vilanova de Arousa, Virxe da Peregrina (Pontevedra), Sárdoma (Vigo), O Grove, Vimianzo, Silleda, Vilalba, Ribadavia, Nóvoa Santos (Ourense), Arzúa, Burela, Castro Caldelas, Mariñamansa (Ourense), Colmeiro (Vigo) e Beiramar (Vigo).
Cómpre destacar que os servizos de atención primaria dos Mallos, da Estrada e Novoa Santos foron premiados cada un deles con dous galardóns: o dos Mallos, co premio á mellora continua dos Plans Locais de Saúde e co premio á dimensión comunitaria; o da Estrada co premio á excelencia e co premio proxectos innovadores de xestión da demanda; e o Novoa Santos co premio actividade comunitaria desde dentro e fóra do centro e co premio á atención a domicilio de pacientes inmobilizados.