
CCA Ourense Centro celebra o éxito da estrea da obra teatral protagonizada polos novos actores de Delatoute, unha iniciativa cultural que contou coa implicación de Delatoure Produciones e que demostra, unha vez máis, a importancia da colaboración entre o comercio local, a cultura e a cidadanía.
“Queremos trasladar o noso máis sincero agradecemento a Roberto de la Torre e a todo o elenco de novos actores, polo seu extraordinario traballo, ilusión, esforzo e dedicación. O seu compromiso e talento foron fundamentais para facer realidade este proxecto, que aposta por ofrecer novas oportunidades aos mozos e achegar a cultura á sociedade ourensá”, aseguran dende o CCA Ourense Centro, agradecendo así mesmo, e especialmente “a todas as persoas que asistiron á estrea e que, coa súa presenza e participación, apoiaron esta iniciativa. A súa confianza no comercio local é esencial para seguir impulsando campañas e propostas que contribúan a dinamizar a cidade, xerar actividade e crear experiencias que van máis aló
da actividade comercial.
Esta estrea é un exemplo de como o comercio de proximidade pode converterse tamén nun motor de cultura, participación e convivencia, promovendo iniciativas que conectan coa cidadanía e contribúen a enriquecer a vida social de Ourense.

CCA Ourense Centro quere “poñer en valor, ademais, a colaboración institucional que fixo posible levar a cabo esta proposta, grazas a o cofinanciamento da Xunta de Galicia, a través de Comercio Galego e INORDE, así como ao apoio do Concello de Ourense e do Auditorio Municipal de Ourense”.
“O éxito desta iniciativa reforza”, aserguran, “o compromiso de CCA Ourense Centro coa promoción do comercio local, o apoio ao talento novo e o desenvolvemento de actividades culturais e sociais que contribúan a dinamizar o centro da cidade”, din dende a entidade, agradecendo a todas as persoas, institucións e profesionais que formaron parte deste proxecto a súa implicación e confianza. “Seguiremos traballando para poñer en marcha novas iniciativas que demostren que apostar polo comercio local é tamén apostar por unha cidade máis viva, dinámica, participativa e chea de oportunidades”