Con motivo da xubilación, os compañeiros do doutor Manuel Caramés, pediatra do Centro de Saúde do Barco, organizábanlle unha cea-homenaxe de despedida, que reunía a medio cento de persoas na noite do 14 de decembro no Restaurante Piquiño do Barco.

Nesta celebración, na que o doutor estaba tamén acompañado pola súa muller, Antonia, non faltaban os agasallos nin as sorpresas, como a chegada do grupo de cantos taberna Pándega, que animaba a velada con música, e ao que mesmo acompañaba cantando Manuel Caramés.


Natural de Zamora, o doutor Caramés formábase en Medicina na Universidade de Compostela, onde coñecía a súa muller, Antonia González, de Roblido (A Rúa), tamén médico. Tras exercer como médico un tempo en Zamora, unha vez que súa muller colleu praza como médica en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras), preparaba o MIR, escollendo a especialidade de Pediatría.

Os seus primeiros destinos como pediatra foron Lugo, Quiroga, San Clodio e Escairón e, finalmente O Barco. “Na primeira etapa eramos 5 pediatras, tres de hospital e dous de primaria, que faciamos atención conxunta no hospital. No 2002 os de primaria pasamos ao centro de saúde e deixamos de facer atención hospitalaria”, tal e como el mesmo conta. Son xa 26 anos os que leva traballando como especialista no Barco.
Fotos: O SIL/cedidas.






