CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Celanova acollerá o único concerto de Immaculate Fools este verán en Galicia

 

O Claustro Barroco do Mosteiro de San Salvador será escenario, o mércores 29 de xullo, do concerto de Immaculate Fools. A banda de orixe inglés liderada por Kevin Weatherill actuará na vila de San Rosendo nun concerto fixado para as 22:30 horas e no cal participarán como teloneiros os integrantes de Rock Hub. “Dende o Concello de Celanova estamos encantados de traer un grupo de pop-rock como Immaculate Fools. Un grupo de primeiro nivel, unha banda de referencia dos anos 80, que dará en Celanova o seu único concerto este verán 2026 en Galicia. Esperamos que guste aos nosos veciños e esperamos moitísima afluencia de xente de toda Galicia porque vai ser un concerto único e inesquecible”, dixo o alcalde, Antonio Puga.

Immaculate Fools, lembrou Lito Caballero de M&M Produccións e promotor do concerto, “son unha das grandes bandas británicas xurdidas nos anos 80, xunto con The Cure, The Smiths ou The Psychedelic Furs, recoñecida pola súa inconfundible combinación de rock, pop e folk de enorme sensibilidade e calidade musical. Liderados polo incombustible Kevin Weatherill, conquistaron o público europeo con cancións inesquecibles como Immaculate Fools, Wish You Were Here ou Tragic Comedy”.

Immaculate Fools, subliñaron na presentación na que tamén estivo a concelleira de Festas Yennys, seguen emocionando cun repertorio que resistiu o paso do tempo e que os confirma como unha das formacións máis elegantes, auténticas e queridas do pop-rock británico. As entradas xa están á venda  no Café Espolón da localidade ou ven en giglon.com.

A actuación de Immaculate Fools será un dos pratos fortes do verán en Celanova, cunha carteleira musical que protagonizarán Amarillo Trece o xoves 30 de xullo; Carlos Núñez, Abraham Cupeiro, Serafín Zubiri ou Xoel López en agosto; ou Xabier Díaz en setembro.

Cantos de Taberna o sábado 18 de xullo

Este fin de semana, a vila de San Rosendo acollerá a 3ª edición dos Cantos de Taberna. Unha proposta de música tradicional organizada pola Banda de Gaitas Concello de Celanova, que contará coa participación de 15 agrupacións achegadas de diferentes puntos de Galicia. A programación comezará pola mañá, ás 11:30 horas cun pasarrúas e, a partir das 19:30 horas, os Cantos de Taberna polos locais, prazas e rúas da vila.

 

Back to top button