OurenseÚltima hora

Celebración de “Quere o teu mercado” na Praza de Abastos número 1 de Ourense

 

Neste sábado celébrase o Día do Mercado nas prazas de abastos de Galicia, un total de 95 existentes en Galicia, que  son espazos dinamizadores da economía local e xeradores de emprego. O conselleiro de Economía, José González, acompañado entre outros polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acudía ao mercado da capital ourensá para celebrar esta xornada que coincidiu co desenvolvemento da campaña internacional Quere o teu mercado, na que en Galicia están a participar 900 profesionais e 41 prazas, entre elas a de Ourense.

A iniciativa busca promover os mercados e prazas de abastos, incentivar o consumo de produtos frescos e poñer en valor a compra de proximidade e a profesionalidade e bo facer das praceiras e praceiros, en liña cos programas autonómicos que se están a executar neste eido.

Ao respecto, o conselleiro destacou que o Goberno galego aposta por potenciar as prazas garantindo as condicións óptimas de accesibilidade e adecuación das súas instalacións, favorecendo tamén a celebración de actividades complementarias. Así, impulsará nesta nova etapa o Selo de Mercado Excelente co que o Goberno galego recoñece ás prazas de abastos e mercados que están a responder aos retos de modernización e innovación sen perder a súa autenticidade e tradición, a súa proximidade e trato personalizado.

En palabras de González, avánzase así no traballo para a “dinamización do comercio local” a través das prazas de abastos, tan importantes -dixo- “para as cidades e vilas galegas”.

 

 

Praza de Abastos número 1 de Ourense

Na súa intervención, o conselleiro referiuse á situación da Praza de Abastos número 1 de Ourense e, ao respecto, insistiu na colaboración máxima da Xunta neste proceso para adecuar o reformado mercado ás súas necesidades operativas, garantindo o traslado dos praceiros dende o mercado provisional ao edificio histórico -que precisamente cumpre 100 anos en 2024- nas mellores condicións.

González sinalou que é un proxecto fundamental para o futuro da cidade de Ourense. Para iso, incidiu en que o Goberno autonómico aposta pola creación dunha comisión supramunicipal na que formen parte Xunta, Concello e praceiros, apelando ao diálogo para dar unha solución polo ben de Ourense.

No seo desa comisión, instou á elaboración dun proxecto técnico -que a Xunta se comprometeu a financiar- para ver cos praceiros e praceiras “as obras de adecuación que están demandando”, avogando por un traballo conxunto que se revela ademais como primordial -dixo- para consolidar a praza como un “ foco importante de atracción turística” tras a chegada do AVE.

 

 

Back to top button