A Garda Civil celebraba neste 22 de maio o 180º aniversario da fundación do corpo de seguridade do Estado, cun acto que tiña lugar na Comandancia da Garda Civil, en Santa Mariña. Nel o Subdelegado do Goberno en funcións, Manuel Arias, manifestou o seu especial agradecemento por “protexer eficazmente ás persoas e ás propiedades” ao longo dos anos, tal e como se recolle no seu decreto fundacional. Ademais de ser un corpo que emprega os seus esforzos por garantir a seguridade de todos e todas as ourensás con independencia do lugar onde residan, así como saber adaptarse aos tempos e aos grandes cambios como o imparable traballo realizado pola detección de ciberdelitos e a protección das vítimas de violencia de xénero. Un traballo exemplar, sustentado, sen excepción, polos piares do respecto, a consideración e a comprensión ao cidadán, aseguraba.
Durante o acto, presidido polo Tenente Coronel xefe interino da comandancia da Garda Civil, Rafael Berguillo, realizouse unha entrega de condecoracións entre a que destacou a homenaxe realizada pola comandancia ao exsubdelegado do Goberno, Emilio González Afonso, polos seus anos de servizo ao fronte da administración e o seu traballo coa man tendida por mellorar a situación da seguridade cidadá no rural e a remodelación das casas cuartel ao longo de toda a provincia.
O acto contaba coa presenza de diversas autoridades, a nivel galego, como delegado da Xunta en Ourense, e provincial como o deputado de Representación institucional da Deputación de Ourense.