OurenseÚltima horaVídeos

Celebración do Día da Mercé no Centro Penitenciario de Pereito de Aguiar

No acto conmemorativo da patroa de institucións penitenciarias, entregábanse recoñecementos a internos, funcionarios, Garda Civil, Policía Nacional e diversas entidades

 

No Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar celebrábanse esta mañá os actos conmemorativos do Día da Patroa de Institucións Penitenciarias Nosa Señora da Mercé. Comezaban ás 11h. na capela cunha misa, presidida polo bispo de Ourense, monseñor Leonardo Lemos; que ía seguida dun acto institucional e entrega de recoñecementos. Esta entrega estaba conducida polo director do centro penitenciario ourensán, Francisco González, quen no seu discurso destacaba o gran traballo que realizan a diario os seus funcionarios e a boa actitude dos internos en canto á participación nas numerosas actividades educativas, laborais e formativas, así como programas especializados de tratamento que lles ofrece o centro.

“No Centro Penitenciario de pereiro traballmos para a reeducación e reinserción social dos internos e internas. Este proceso céntrase en cambiar comportamentos e actitudes, promovendo valores coo a responsabilidade e o respecto. Estes dous valores son esenciais para transformar a vida dos presos e as presas, e así reducir as taxas de reincidencia. A privación de liberdade non debe ser o final do camiño para quen comete un delito, senón o inicio dun proceso de transformacón que debe culminar na reintegración na sociedade, polo que necesitamos unha sociedade disposta a abrir as portas cando saian en liberdade. A reeducación e a reinserción social tamén son un acto de humanidade e de xustiza”, dicía Francisco González.

 

 

Así mesmo agradecía “o compromiso e o traballo diario” do persoal penitenciario deste centro, “actuando nas situacións de crises e na mediación de conflitos, sempre de maneira respectuosa e profesional, adaptándose ás novas realidades penitenciarias. O seu labor é clave na seguridade e na disciplina, así como na rehabilitación e na reinserción”. Na súa intervención, o director do Centro Penitenciario de Pereiro tamén se refería ás internas e internos, “que o tempo en prisión sexa un tempo de oportunidade, de reflexión e traballo persoal para adquirir as ferramentas necesarias para reinsertarse na sociedade de maneira produtiva e non volver a reincidir no delito. A mensaxe que queremos transmitir á sociedade, aos internos e internas e ás súas familias é que o cambio é posible”.

Tamén mencionaba ás actividades, programas e as saídas organizadas que se realizan nesta institución co obxectivo de lograr o desenvolvemento persoal e a preparación para a vida en liberdade dos máis de 100 internos participantes; as melloras realizadas nas súas infraestruturas; e non se esquecía dunha especial mención ás forzas de seguridade do Estado, Xudicatura e Fiscalía, pola súa estreira colaboración. “Compartimos o obxectivo común que é velar pola garantía dos dereitos dos cidadáns e dos internos e internas así como pola seguridade de todas e todos”.

 

O director do Centro Penitenciario de Pereiro, Francisco González./ Foto: O SIL.

 

Seguindo a tradición e aproveitando unha data tan sinalada, o Centro Penitenciario de Pereiro resaltou, coa entrega de recoñecementos, a evolución de varios internos, a traxectoria de diversos funcionarios e o importante labor social realizado por persoal da Garda Civil, Policía Nacional e diversas entidades que colaboran a cotío co centro ourensán. “As Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a Xudicatura e a Fiscalía quero destacar o seu compromiso e profesionalismo, traballando estreitamente co centro penitenciario nas distintas áreas que nos copeten conxuntamente”.

Recoñecementos

Como vén sendo habitual, nesta celebración facíase entrega dunha serie de recoñecementos ao “traballo das nosas funcionarias e funcionarios, das institucións, entidades e persoas” que colaboran co centro, así como aos internos que durante este ano “evolucionaron e melloraron en procesos continuos de desenvolvemento persoal, educativo, deportivo, laboral e terapéutico”.

A entrega iniciábase cos recoñecementos a tres garda civís (Juan Carlos, Augusto e Alejandro, este último non puido asistir), á Asociación Participación, a Raúl Rodríguez, que foi xefe do servizo de Unidade de Infecciosos; ao director adxunto de Correos, Julio A. Souto; e ao OUFF. Ademais a Secretaria Xeral de Institucións Penitenciarias concedía varias medallas: unha de bronce ao mérito social penitenciario a Cáritas Ourense, unha de prata a Peregrina García, xefa de admisións do CHUO e unha de prata a título póstumo ao funcionario enfermeiro Ignacio García.

 

 

Entre as numerosas autoridades presentes (civís, relixiosas e militares) e na celebración estaba o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, quen no remate do acto de entrega de distincións referíase ao bo funcionamento do centro de Pereiro en canto ao logro do obxectivo de reeducación e reinserción social de quen cumpre condena. “A chave dos resultados está no persoal, e non tanto nos regulamentos. Só as persoas son capaces de xerar este cambio rehabilitador nos internos”. Mostra de que o modelo ourensán funciona, engadía, é que “o 80% dos internos deste centro penitenciario non reinciden. Un notable alto, e subindo, o que fala da súa excelencia. Rexeitamos experimentos represivos e destrutivos. Trátase unha vez máis de transformar para construír”.

Ademais, o subdelegado lembrou o apoio que o Goberno de España está a mostrar ás institucións penitenciarias. “No caso de Pereiro, ademais da recente renovación das instalacións de cociña, que son modélicas, xa están aprobados investimentos por valor de 5 millóns de euros para a recollida de pluviais e optimización de cubertas, renovación de pavillóns de funcionarios e celas, melloras de fachadas e na eficiencia enerxética, instalacións de enerxías renovables, por citar algúns”.

 

 

Non quixo rematar sen destacar a colaboración das forzas de seguridade do Estado, ONG´s e Xudicatura. “Son axentes moi necesarios, eu diría que imprescindibles, xa que son parte deste proxecto”, dixo. E dirixiuse, por último, aos internos, para animalos a que “aproveitedes os programas e oportunidades que vos ofrecen neste centro. Erguerse tras unha caída ou un fallo faite máis forte, máis grande e abre o camiño a unha vida feliz”.

Entre as autoridades asistentes aos actos e que participaban na entrega de diplomas e medallas, tamén estaban o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o presidente da Deputación, Luis Menor, quen O presidente provincial, xunto coas autoridades invitadas, participou na entrega de diplomas e medallas.

 

 

OUFF

Precisamente entre os recoñecementos figuraba o Ourense Film Festival (OUFF), “que axúdanos a ofrecer aos internos e internas unha forma de entretemento saudable e unha ocupación do tempo libre positiva”. A distinción que foi recollida polo director do festival, Miguel Anxo Rodríguez.

O director deste centro anunciaba que,  on motivo da 29ª edición do OUFF que comeza o próximo día 27, proxectarase no salón de actos a película “Tratamos demasiado bien a las mujeres”, proxección na que estará presente a directora do filme, Clara Bilbao, que ademais manterá un encontro cos internos.
Tamén o día 24 deste mes proxectarase “+Cuñados”, producida por Alfonso Blanco, película que conta co patrocinio da Deputación.

“Grazas á colaboración da Deputación de Ourense podemos levar a cabo estas proxeccións cinematográficas así como outras actividades deportivas por medio do Pazo de Deportes Paco Paz”.

En nome da Deputación, Luis Menor trasladaba a través da dirección do centro penal a súa felicitación aos internos e profesionais recoñecidos polo seu labor, os primeiros pola súa vontade para iniciar unha nova etapa nas súas vidas persoais, e os segundos “por un traballo pouco coñecido pero que ten un importantísimo obxectivo, como é ofrecer novas oportunidades de inserción social aos internos”.

O acto finalizaba coa interpretación dos himnos ao son das gaitas e cun aperitivo para os asistentes que se servía na entrada do centro.

Fotos: O SIL.

 

Back to top button