DeportesÚltima hora

Celébrase a segunda edición da “Carreira do Pilar” da Garda Civil de Ourense

 

Dende a Praza Maior de Ourense dábase a saída esta mañá a segunda edición da “Carreira do Pilar” da Garda Civil. Esta proba, que se celebra con motivo dos actos de celebración da Patroa da Garda Civil, tivo a saída e as metas na Praza Maior de Ourense. O trazado absoluto, de 6.350 metros, comezaba ás 11:00 horas e recorreu as principais rúas da cidade. Para os corredores e corredoras de entre 7 e 12 anos, había un percorrido de 700 metros, con saída ás 12:30 horas, mentres que os nenos e nenas de 0 a 6 anos contaban cun trazado de 100 metros.

O custo por participación era de 12 euros para a carreira absoluta e inscrición de balde para os máis novos. Os maiores recibían unha camiseta do evento e os pequenos e pequenas teñen asegurada a súa medalla co paso pola meta.

Con motivo deste evento, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, felicitaba á Garda Civil por ter “unha vocación de servizo á sociedade que non se limita á protección e á seguridade, senón que impulsa tamén valores como a solidariedade, a cooperación e a empatía”. Facío antes de inaugurar a proba na Praza Maior, xunto ao tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Rafael Berguillo, e ao capitán xefe do Subsector de Tráfico, Javier Barja. Tamén se contaba coa presenza do delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, co deputado provincial Rosendo Fernández, e co representación do Concello de Ourense.

 

 

Eladio Santos enxalzou “a sensibilidade desta institución cara quen máis o necesita”, pois este ano o recadado na proba irá destinado á Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renais (ALCER Ourense). “Temos unha Garda Civil próxima á cidadanía, que protexe, escoita e acompaña, conseguindo a unión ante as causas xustas e sendo, unha vez máis, un auténtico pilar de cohesión social”.

O subdelegado puxo en valor a alta participación coa que contou o evento, con 1.013 participantes, aos que agradeceu que aposten por unha proba que promove o deporte e, por tanto, a saúde e o benestar, pero tamén a solidariedade. “Participar nesta carreira significa facer un dobre esforzo: por un mesmo e por outras persoas que precisan axuda”, apuntou.

Ademais, Santos agradeceu a labor da asociación ALCER, que ofrece recursos de apoio ás persoas con enfermidades renais e realiza actividades enfocadas na prevención. “O voso traballo e fundamental para moitas persoas e un exemplo de entrega e humanidade”, destacaba.

 

Back to top button