
A capela do Pilar da Catedral de Santiago acolle durante este tempo de Nadal unha exposición conformada por cen beléns procedentes de varios países do mundo. Trátase da colección particular de María Carmen Núñez, veciña da localidade de Rubiá, na comarca de Valdeorras, quen cedeu as pezas á Diocese de Santiago para a súa custodia e exposición.
Son representacións do Misterio do Nacemento de Jesús, procedentes de máis de 60 países diferentes de Europa, América, África e Asia. Cada un deles é unha representación da tradición particular de cada nación e están realizados cos máis diversos materiais, tales como cerámica, madeira, tea, marfil ou cristal. Está previsto que, unha vez terminada a exposición na catedral, a colección quede custodiada no Museo Diocesano.
O acto inaugural desta exposición está previsto para o venres 19 de decembro ás 18h. na citada Capela do Pilar da Catedral de Santiago (acceso pola Porta de Praterías).