Unha semana despois de que a virulencia do lume devastara San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras) a súa veciñanza volvía reencontrarse este domingo 24 de agosto. A asociación veciñal desta aldea celebraba unha asemblea na Casa do Pobo.
Despois compartían a súa tristeza e dor polo sucedido, xa que nada puideron facer sós para loitar contra as chamas, e tamén recibían o agarimo e apoio de centos de persoas chegadas doutras zonas da comarca nunha concentración que se celebraba a partir das 18h. na casa do pobo, na “Subida da Costa”, promovida tamén pola Asociación Veciñal de San Vicente.

No acto interviña a presidenta da asociación que propoñía reaizar unha andaina por San Vicente, percorrendo os lugares máis afectados, primeiro polo barrio de arriba e logo polo barrio de abaixo, volvendo finalmente á casa do pobo.
Unha vez alí volvía intervir a presidenta, Elisa, para agradecer a presenza e os apoios e, de seguido, tomaba a palabra o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez, quen, moi emocionado, facía un chamamento á unidade do pobo nestes momentos para saír adiante, “loitar polo noso” e iniciar a reconstrución, con forza e valentía.

Tamén se refería á importancia de protexer o rural e comentaba que o Concello de Vilamartín fixo todo o posible para loitar contra o lume, que nunca se deixou de lado a San Vicente, pero que non se contou con medios por parte doutras administracións para poder facer fronte ao lume.
Fotos: Carlos G. Hervella.

