
A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) reafirman, a través dun comunicado de prensa emitido neste mércores 11 de xuño, “o seu contundente rexeitamento á decisión de Renfe de reducir paradas e frecuencias do tren de Alta Velocidade na estación da Gudiña-Porta de Galicia. Consideramos que esta medida, inxusta e absolutamente incomprensible, supón un grave menosprezo á conectividade do oriente ourensán, pon en dúbida a viabilidade de proxectos empresariais e deteriora a calidade de vida de quen reside ou traballan na comarca”.
Así mesmo, ambas entidades din que xa estableceron contactos coa plataforma cidadá en defensa do servizo ferroviario creada na Gudiña, cos alcaldes dos municipios afectados e con representantes da administración, “trasladando en todos os casos nosa profunda preocupación e malestar por unha decisión adoptada sen diálogo previo e con escasa sensibilidade cara ás necesidades reais do territorio. Durante estas conversas, insistimos na urxencia de valorar o impacto tanxible sobre a mobilidade diaria, o desenvolvemento socioeconómico da contorna e o arraigamento da poboación no medio rural, que se ve novamente prexudicada”.
CEO e AEVA subliñan ademais neste comunicado que, “máis aló dunha mera revisión técnica de horarios, o que se está facendo é desmantelar progresivamente un servizo esencial. É imprescindible impulsar unha visión de futuro que integre o AVE como eixo vertebrador do interior, favorecendo non só desprazamentos puntuais, senón tamén actividades de longo percorrido: atracción de talento, eventos profesionais ou turismo vinculado á nosa identidade. Resulta incomprensible que, en lugar de reforzar esta infraestrutura estratéxica, óptese por recortes que xeran frustración e perda de oportunidades. Convidamos a todos os axentes —públicos e privados— a implicarse nesta demanda lexítima que reclama sentido común e planificación responsable”.
Neste contexto, ambas organizacións reiteran o seu chamamento a Renfe, ADIF e ao Ministerio de Transportes “para que manteñan unha canle de diálogo aberto e constante, no que calquera posible proposta de axuste conte coa participación activa do sector público e privado, do tecido empresarial e social. Non se pode decidir sobre o futuro dun territorio ás costas de quen o habita e impúlsano cada día”.
CEO e AEVA renovan tamén “o seu compromiso de seguimento e acompañamento de todas as iniciativas que xurdan para defender este servizo. Estamos convencidos de que a unidade de acción e a elaboración de propostas ben fundamentadas son claves para protexer un dereito esencial: a mobilidade digna e sostible do interior de Galicia, que hoxe volve estar en dúbida”.
Finalmente estas dúas organizacións convidan “á sociedade civil, ás empresas e ás institucións para sumarse a este esforzo colectivo: preservar o AVE na Gudiña non é unha opción, é unha necesidade se queremos manter viva a conexión con servizos, oportunidades e futuro. Porque Ourense non pode nin debe quedar fose do mapa da Alta Velocidade”.