
O asesoramento individualizado a empresas consolídase como un dos piares da iniciativa Conecta Ourense Rural, promovida pola Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e pola Xunta de Galicia a través do Igape, co obxectivo de achegar os servizos públicos ao tecido empresarial e facilitar o acceso ás distintas liñas de apoio para a súa expansión e consolidación.
Neste contexto, a CEO e o Igape —a través da súa Oficina Económica de Galicia— están a organizar sesións de atención directa nas que persoal técnico especializado ofrece acompañamento práctico ás empresas, tanto na identificación das axudas máis axeitadas como na súa correcta tramitación.
Unha destas sesións levouse a cabo esta semana na Asociación de Empresarios do Polígono San Cibrao das Viñas, onde acudiron Carla García e María Pascual por parte da Oficina Económica do Igape, e María Fernández de Conecta Ourense.

Ao longo de toda a mañá recibiron a un total de 15 empresas de sectores como turismo, téxtil, comercio, construción ou consultaría entre outros, co obxecto de trasladar os apoios da Xunta e da oficina Conecta Ourense para dinamizar as súas actividades. Neste sentido, as consultas máis salientables da xornada de hoxe xiraron en torno ao programa Re-acciona de asesoramento especializado, a Galicia Exporta Empresas para proxectos internacionais e de ventas; os préstamos do Igape para ampliar negocios ou infraestruturas; os apoios vixentes para a transformación dixital; e as dúbidas máis recorrentes nas propias solicitudes para poder facer correctamente os trámites e presentar as xustificacións en tempo e forma. As expertas das distintas oficinas incidiron nas claves para preparar solicitudes con maiores garantías de éxito e nos erros máis frecuentes na presentación e xustificación dos expedientes.