Esta mañá vén de presentarse o cartel do Castañazo que se celebra os vindeiros 31 de outubro e 1 de novembro en Chantada. O festival chantadino celebra a vixésima edición reivindicando as súas orixes, cun cartel formado integramente por bandas galegas – The Rapants, Catuxa Salom, Mondra, Liviao de Marrao e Terrae, venres e A banda da Loba, De Ninghures, Baiuca, Rastreros e Orquestra Bravú Xangai-.
A organización anunciou unha actuación final cunha colaboración especial de Rastreros e Orquestra Bravú Xangai que fai tamén unha chiscadela aos inicios do festival, ligados ao movemento bravú.
O Castañazo inclúe un amplo programa actividades paralelas para abrir o festival a un publico diverso como cantos de taberna, un magosto, programación para nenas e nenos no Ourizo Miúdo, os Xogos Bravús e unha feira de artesanía.