SanidadeÚltima hora

Charla sobre lactación materna nos primeiros días, o 9 de abril no Barco

Está organizada por De Nai a Nai e será impartida por Lorena Prada ás 17:30h. no local desta entidade

Lorena Prada, nunha conferencia anterior sobre lactación materna no Barco./ Foto: A.R.

 

Co fin de achegar información sobre a lactación materna,a Asociación De Nai a Nai organizará a charla “A lactación materna nos primeiros días” o  vindeiro mércores 9 de abril ás 17:30 horas, en rúa Academia Dequidt nº6 (edificio biblioteca pública), 4º piso, no Barco de Valdeorras.

“A lactación materna é un proceso natural, pero non sempre é fácil. Moitas familias atópanse con dúbidas e desafíos nos primeiros días tras o nacemento do seu bebé. Por iso, na asociación De Nai a Nai queremos ofrecer un espazo de información e apoio cunha charla especial sobre este tema”, indican dende a asociación.

 

 

A charla correrá a cargo de Lorena Prada Fernández, nai dunha filla e un fillo aleitados, enfermeira e Consultora Internacional Certificada en Lactación Materna (IBCLC). Na súa intervención abodará “a importancia dun bo inicio da lactación materna nos primeiros días”, o apoio da parella, a familia e a contorna, as dificultades comúns e como solucionalas e dará “consellos prácticos para unha experiencia máis tranquila e pracenteira”.

Este evento está aberto a futuras nais, ou nais recentes, familias, profesionais da saúde e calquera persoa interesada en aprender máis sobre lactación materna. “É unha excelente oportunidade para resolver dúbidas e compartir experiencias nun ambiente de apoio e confianza”, segundo a asociación, que engade que “en De Nai a Nai, cremos na maternidade consciente e na importancia de ofrecer información baseada na evidencia e o acompañamento ás familias”.

 

Back to top button