EntrevistasÚltima hora

Charo Sández Álvarez: “A variedade godello teno todo”

Esta especialista en Viticultura e Enoloxía, natural de Vilanova (O Barco), leva 25 anos na profesión, os 12 últimos na D.O. Ribera del Duero

A viticultura e enóloga valdeorresa, Charo Sández./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O sumo respecto e admiración que sente polo viñedo marcan o seu traballo diario. “A natureza é lóxica, por iso o que temos que facer é deixala que siga, pero, como conducíndoa, porque no fondo tamén buscas un produto. O fin da planta é producir semente, pero a maiores disto, tamén buscamos que produza cun certo grao alcohólico, cunha determinada acidez, cunha complexidade… Con todo, o respecto pola planta e polo entorno é fundamental”. Charo Sández, natural de Vilanova (O Barco de Valdeorras), leva un cuarto de século mergullada no mundo do viño, polo que sente fascinación.

Ademais de formarse como técnico especialista en Viticultura e Enotecnia en Pontevedra, conta con varios másters, ten participado en proxectos de investigación e traballou en zonas como Ribeira Sacra, Bierzo e Rías Baixas. Dende hai 12 anos desenvolve a súa profesión na D.O. Ribera del Duero, e actualmente é a responsable de viticultura dun importante grupo desta denominación, que tamén ten presenza en Valdeorras.

Sendo de Vilanova, a súa vinculación coa vide resulta algo case natural…

Si, aínda que o de dedicarme profesionalmente ao viño foi un pouco de casualidade. A miña intención era estudar forestais, se embargo iso complicouse e, ao final, acabei tirando cara a viticultura e a enoloxía porque era algo que coñecía de sempre, pero coa idea de facer unha pequena ponte e retomar o de forestais. Porén, cando comecei a estudar descubrín que aquilo encantábame, que non tiña color, e xa non o deixei.

Se xa coñecía ese mundo, ¿que foi o que a enganchou?

Coñecíao dende fóra, é dicir, sabía que ti tes a viña, de aí sae uva, elabórase, ferméntase e xa tes viño. Pero descubrín o que hai detrás de todo iso e o que conleva, o complexo que resulta porque non todos os anos é o mesmo. Penso que é unha profesión bonita xa que sempre estás aprendendo e innovando, facendo cousas diferentes. Aínda que poida parecer que basicamente o esquema é o mesmo, despois resulta completamente diferente.

Ademais nisto un nunca acaba de formarse, é máis, canto máis te formas, máis te decatas de que sabes moi pouco. É un campo con numerosos medios novos que antes non había e con multitude de ramais, a medida que colles varios, iso comeza a ramificarse… Trátase de algo moi complexo é, a vez, precioso.

¿De onde vén ese respecto tan forte que sente pola vide?

Se quería estudar forestais é porque me gusta a natureza e, se agora me dedico á viticultura, é porque me gusta a planta, por iso a miña base fundamental dende o principio ten sido o respecto pola vide. A viticultura, como pode acontecer con outras profesións, é un medio completamente vivo, tanto a nivel microbiolóxico como macrobiolóxico, e, se ti te estancas, estás perdido e non estás respectándoo porque sempre van ir aparecendo estudos e vas ter formas de facelo mellor.

Anos atrás no sector tiña moita importancia a adega, pero hoxe iso mudou e á viña préstaselle máis atención…

Si, agora dáselle máis importancia á viticultura e dedicáselle máis tempo e medios. Por fin nos decatamos de que, aínda que pareza algo lóxico ou un tópico, realmente o viño sae da viña e o que non fagas nela, non o vas estar corrixindo na adega. As adegas deben ser lugares de elaboración, non fábrica de viños. Eu cando traballo na viña non teño mentalidade a curto prazo, sempre a tes a medio-longo prazo, sempre estás pensando en que vas facer no vindeiro ano ou de aquí a catro. E na enoloxía é algo similar, xa antes de entrar a uva na adega debes coñecer a viña e ter unha idea, xa a cabeza está procesando o que podes facer con tal uva ou con tal outra.

Hai expertos que din que a godello podería considerarse unha variedade branca ideal, ¿como a valora vostede?

A godello é moi, moi boa variedade, resulta sumamente polivalente, pero tamén a vexo en mesturas. Por outra banda, hai que ter en conta que un godello de Valdeorras non ten nada que ver cun de Monterrei ou cun do Bierzo. É certo que as variedades teñen a súa personalidade, pero o solo e o clima tamén inflúen moito, polo que nunca vai ser o mesmo viño. A godello é unha variedade que o ten todo, e, se a mesturas, sempre vai aportar outras cousas. Isto vai ao criterio de quen a traballe, do que queira facer e do que lle van a comprar, porque o mercado non é fácil.

¿Como valora a evolución experimentada polos viños galegos?

É excelente, hai unha boa imaxe do que se está facendo en Galicia, con boas elaboracións e calidade. Ademais hai viños que realmente reflexan Galicia e isto nótase. Fanse as cousas ben e iso ten outro tirón.

Tamén nas últimas décadas houbo unha volta ás variedades autóctonas e unha revalorización delas…

Si porque hoxe respéctase moito ao consumidor, búscase ofrecer un produto de calidade e, ao mesmo tempo, hai unha presión porque non só tes competencia inmediata aquí, non, tes competencia mundial. Polo tanto, hai que ser o que mellor o faga e, nese senso, o que máis respecte ao consumidor, porque senón el tampouco te vai respectar e non vai pedir o teu viño.

¿Cales son os efectos do cambio climático no viñedo nas zonas onde traballa?

Ribera e Valdeorras con bastante parecidos en clima e, por suposto, que lle está afectando o cambio climático. Antes ao mellor non había problemas de polilla, en cambio agora veñen temperaturas un pouco máis cómodas para ela, desenvólvese máis e xurden máis problemas. O mesmo pasa cos fungos, coas enfermidades criptogámicas… E logo á planta tamén lle leva un tempo adaptarse ás condicións porque non é normal que o clima cambie tan rápido nin en humidade, nin en graos. E logo vén todo descompensado e cada vez con maior frecuencia. Anos atrás os viños eran moito máis ácidos e menos alcohólicos, máis versátiles, e aínda así empezabas máis tarde a vendimar. Agora en agosto xa tes unha maduración fenólica, que non é a mesma que había antes, con máis grao, menos acidez e un pH descompensado.

¿Como ve o futuro do sector?

Hai que aproveitar o tirón para seguir traballando. Hoxe dispomos de medios e de coñecementos e estamos nun momento ideal para avanzar, continuar traballando e seguir aprendendo.

Texto: Ángeles Rodríguez.

A entrevista íntegra pode lerse no Especial Viticultura 2023 do Periódico O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button