SanidadeÚltima hora

Chega ao Barco a campaña de ADOS “Non esquezas doar antes de veranear”

Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) achega a campaña “Non esquezas doar antes de veranear” ata O Barco de Valdeorras para sensibilizar á cidadanía galega da importancia do solidario xesto da doazón de sangue nos meses de verán.

Deste xeito, unha unidade móbil estará estacionada o venres 29, na Praza do Concello, de 10:45 a 14:30h e de 16:30 a 21:00h. para atender aos doantes. Desde ADOS advirten que os grupos sanguíneos A+ e AB- atópanse na actualidade baixos polo que solicita a colaboración solidaria da cidadanía.

Os meses de verán son un período especialmente sensible, xa que nestas datas preséntanse dificultades engadidas para manter estable o volume de doazón de sangue que precisa o intenso labor asistencial dos hospitais galegos.

ADOS lembra que diariamente son necesarias máis de 400 doazóns de sangue, e que é preciso reforzar o permanente chamamento á solidariedade que a Axencia traslada á cidadanía, especialmente no período estival debido á deslocalización dos doantes habituais por mor das vacacións.

Colaboración do concello

O Barco de Valdeorras obtivo 512 doazóns de sangue durante o 2024 cunha taxa de 38 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano. ADOS quere amosar o seu recoñecemento a todos os veciños e veciñas e ao corporación municipal do concello do Barco de Valdeorras polo seu decidido apoio e solidariedade ás iniciativas destinadas a promover a doazón, tanto nesta campaña especial de verán, como no resto de campañas desenvolvidas durante todo o ano.

Doazón de sangue

Para facilitar a participación nesta campaña, as unidades móbiles de ADOS realizarán 800 desprazamentos para achegar a doazón de sangue a cidades, vilas e parroquias de toda Galicia, dende o 13 de xuño ao 15 de setembro. Así mesmo, a campaña leva a cabo un intenso labor informativo, na que conta coa colaboración dos concellos para distribuír información sobre a doazón de sangue ao tecido asociativo.

Calquera persoa entre 18 e 70 anos que pese máis de 50 quilos cunha boa saúde, pode achegarse ás unidades móbiles de ADOS ou aos locais de doazón de sangue nas sete grandes cidades, onde serán atendidos por persoal sanitario especializado. Hai que ter en conta que o sangue non se pode fabricar e soamente pódese obter grazas á doazón voluntaria das persoas.

Os compoñentes do sangue que obtemos son vitais para atender a milleiros de doentes. ADOS lembra que doar sangue é un xesto sinxelo, xeneroso e solidario, e convida a toda a cidadanía, maior de idade e en bo estado de saúde, a participar nesta campaña e dedicar 15 minutos do seu tempo para salvar vidas. Doar antes de veranear é garantir que o sangue estará dispoñible cando máis se precisa.

Para máis información esta dispoñible a paxina web de ADOS:
www.ados.sergas.gal

Back to top button