ConcellosÚltima horaVídeos

Chega ao pleno do Barco a petición para que se cubran as prazas de pediatría en primaria no Distrito de Valdeorras

O colectivo de mais e pais que demanda esta cobertura presentaba unha proposta na sesión plenaria celebrada neste 2 de maio

 

Facendo uso do regulamento de participación cidadá existente no Concello do Barco, representantes do colectivo de mais e pais que demanda a cobertura das prazas de Pediatría na Atención Primaria no Distrito Sanitario do Barco presentaban publicamente ao final da sesión plenaria que se celebraba nesta tarde de 2 de maio unha proposta para “visibilizar esa necesidade”.

Tras facerlles entrega dun texto coa súa demanda a cada un dos grupos políticos con representación na Corporación barquense, Aurora Rodríguez lía publicamente no pleno esa proposta, na que se indica que a “situación actual é que o Centro de Saúde do Barco de Valdeorras conta cun único peidatra, permanecendo unha das dúas vacantes das que dispón sen cubrir. Este profesional debe prestar atención a un número moi elevado de nenos e nenas, recibindo usuarios e doentes procedentes dunha extensión xeográfica moi ampla, con grande dispersión xeográfica, polo que se magnifica o problema. A isto hai que sumarlle que está previsto que o devandito pediatra se xubile en datas próximas, polo que a preocupación é aínda maior, ante a posibilidade real de que os nenos e nenas queden sen asistencia sanitaria levada a cabo por un profesional especialista. Grazas aos esforzos realizados dende a Xerencia de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, este servizo está sendo apoiado por FEA Pediatras desprazados desde Atención Especializada e Médicos de Atención Primaria con diploma en puericultura como medida provisional”.

 

 

Ademais, o colectivo matizaba que o obxectivo desta proposta presentada no pleno é “establecer a unión entre os concelos que conforman o Distrito Sanitario de O Barco de Valdeorras, afectados polo déficit de Pediatras de Atención Primaria, cun obxectivo común e imprescindible: obter a asistencia para os novos cativos e cativas”. Así mesmo consideran que a “colaboración cidadá é indispensable para conseguir” este obxectivo “que pretende mellorar o futuro da nosa comunidade”. Nese senso, levan recollido ata o momento unhas 3.000 sinaturas de apoio, que tamén amosaban durante o pleno.

Finalmente, o documento plantexaba oito propostas concretas, entre elas “favorecer e apoiar a negociación necesaria co Sergas e Consellería de Sanidade para que se axilicen os procesos de selección de persoal, evitando a dilatación no tempo da falta de cobertura das prazas de Pediatra de Atención Primaria”, “prestar total apoio, por parte de tódolos grupos municipais, constituíndo unha reivindicación cidadá consolidada e unánime, e evitando conflitos entre si, xa que non existe sesgo político”, ademais de buscar “a unión de todos os Concellos afectados por este problema, de xeito que todos se comprometan e realicen xuntos un esforzo real por palialo”.

Outras propostas incluídas son “facilitar a chegada de profesionais, presentando publicamente a nosa comarca como un bo destino para exercer a medicina de atención primaria” e “facer que este comunicado sexa a base dunha moción conxunta que se leve ao pleno e sexa aprobada por unanimidade”.

Con relación a este último punto, o alcalde do Barco, Alfredo García, aseguraba que así se vai facer e que mesmo podería entrar na orde do día da sesión plenaria prevista para o sorteo de mesas electorais para as eleccións europeas, destacando que “contades co apoio do pleno que o aprobará por unanimidade”.

Artigos relacionados

Back to top button