
O apoio e solidariedade cos afectados polos lumes en Valdeorras segue a materializarse en foma de doazóns e axudas de diverso tipo. No caso do Barco a chegada este material, tanto de primeira necesidade como auga e alimento, estase a canalizar a través da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, dende a semana do 18 de agosto, que están a gardalo na base que teñen compartida co GES e, posteriormente, realizando a súa distribución ou ben directamente ou ben a través de outras agrupacións da comarca como son Protección Civil de Petín e da Rúa.
Son moitas as persoas que colaboran, comentan de Protección Civil do Barco, “onte á noite chegaron varias persoas de Vigo, Ibrahim, Bárbara e Moha, que traian diverso material de primeira necesidade (como mascariñas) ou para labores de limpeza, auga e alimentos, así como comida para mascotas e meso para os animais do monte, que veñen dende a provincia de Ourense, pero tamén en boa medida dende a Comunidade Valenciana, agradecendo coa súa axuda a que lles prestou no seu momento cando eles sufriron a DINA”, comenta Chus.
E, entre ese material, chegaba unha nota escrita a man coa seguinte mensaxe: “Cando en Valencia o barro chegábanos ata os xeonllos, sentimos o apoio de toda España. Agora tócanos a nós axudar. Moito ánimo”.
Tamén chegaron ata O Barco doazóns da hostalaría da Chapela, tamén dun grupo de caixeiras do Corte Inglés da zona de Vigo e a empresa Blanco y Rouco ocupouse do seu transporte. “Ao vir cara aquí pararon no Servicio de Limpieza Ramiro, en Ourense, onde recolleron máis doazóns. Tamén nos chegaron ata tres furgonetas con material que se reunía nunha recollida realizada polas valdeorresas Cristina, María e Rocío na Coruña, xunto con Raquel, e que nos viñeron a traer ata O Barco Tati e Ana”, engade Chus, voluntaria barquense de Protección Civil.

Estas doazóns estanse repartindo directamente ás localidades máis afectadas, como poden ser no caso de Vilamartín, as de San Vicente de Leira e Cernego, onde Chus destaca o labor dun veciño Ahmed, cuxa reacción e labor foron claves para salvar das chamas esta localidade. Tamén se lle entregaron alimentos (leite, auga e outros produtos) a Cáritas da UPA O Barco.
Ademais, engade Chus, “esta semana tamén nos chegaron 2 palés de auga doados dende a Comisaría de Policía de Ourense” Tamén recibían as o material reunido nunha iniciativa persoal de 4 amigos (María, Gaspar, Gaspar Ethan e Álvaro) na Valenzá (Barbadás). As axudas que traían “viñeron de Vigo, Valencia (Torrent, Patraix…), veu un mozo desde Valencia a traelas desinteresadamente na súa furgoneta e outras persoas fixeron as súas achegas con compras en liña que nos chegaron ao momento de recollida que puxemos”, explican eles mesmos.
Ademais de ao Barco, estas axudas facíanse chegar a Carballeda de Avia e Verín. “A asociación Defensa animal Torrent Adat coa que se colaborou pola desgraza da Dana púxose en contacto desde Valencia para mandarnos axuda e colaborar coas doazóns para o que pasou cos incendios”, proseguen.
Dende Protección Civil do Barco, Chus agradece a gran resposta solidaria con Valdeorras e o apoio que se está a recibir ante os graves incendios que vivía a comarca nestes días e que afectaban aos habitantes da zona.
Fotos cedidas.