CulturaCulturaÚltima hora

Chile, Irlanda do Norte e Xeorxia despregarán as súas danzas e música no Barco coas XL Xornadas de Folclore

O campo da festa da vila acollerá a partir das 22:30h. unha nova edición deste espectáculo, promovido pola Deputación de Ourense

Imaxe dun dos grupos que actuarán esta noite no Barco./ Foto cedida.

 

O campo da festa do Barco acollerá esta noite, a partir das 22:30h., un espectáculo que reúne, edición tras edición, a multitude de persoas. Trátase das Xornadas de Folclore, que cumpren xa corenta edicións e que neste 2025 contarán con grupos chegados de América (Arxentina e Chile), Asia (Filipinas) e Europa (Irlanda do Norte, Ucraína e Xeorxia), convertendo á provincia na capital do folclore.

No caso do Barco poderá desfrutarse das actuacións do Ballet Municipal de Rancagua (Chile), Royal Tara Dance Academy (Irlanda do Norte) e a National Honored Song and Dance Ensemble Georgian Folklore ‘Tsumu’ (Xeorxia).

Este ano prodúcese ademais un especial reencontro. Case vinte anos despois da súa última participación, o grupo irlandés Royal Tara Dance Academy volve de novo ás Xornadas de Folclore. A agrupación foi creada a finais dos 70 en Antrim, localidade próxima ao oeste de Belfast. Xurdiu como unha escola de baile irlandés tradicional e contemporáneo, coa intención de transmitir ás novas xeracións o orgullo por unha das manifestacións culturais máis significativas de Irlanda, a súa música e baile. A súa profesionalidade e compromiso coa tradición fixo que ampliara a súa influencia coa apertura de delegacións en outras catro localidades da contorna.

O grupo ten recibido numerosos premios e o mundialmente recoñecido espectáculo Riverdance conta cun gran número de bailaríns formados nesta Academia.

As Xornadas de Folclore están organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, e conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións.

Para esta noite tamén estaba previsto outro espectáculo das Xornadas de Folclore en Verín, pero, por mor dos lumes que afectan á zona, a organización acordaba suspendela.

Viana do Bolo e Entrimo, próximas citas

O circuíto das Xornadas de Folclore continuará o vindeiro venres 15 de agosto por outros dous puntos da provincia. Trátase de Entrimo, onde poderá verse ás 20:30h.  na Alameda, e de Viana do Bolo ás 22:30h. na praza Maior.

Back to top button