
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, inicia as actuacións de restauración ambiental dunha zona de baño sobre o río Edo na área recreativa Ponte das Táboas, municipio ourensán de Castro Caldelas.
As obras consistirán na restauración ambiental do leito do río Edo e do regato Ferreiros, incluíndo a naturalización da marxe dereita deste último e a execución dun novo acceso ao leito, así como o acondicionamento da área recreativa para a súa posta en valor para uso e goce dos usuarios.
Tamén se executará a demolición da zona de baño, situada en zona inundable. O prazo de execución dos traballos estímase en 10 meses e o investimento previsto é de 1.530.000 euros.