OurenseÚltima hora

Clara Rodríguez, do Colexio Divina Pastora do Barco, premiada no concurso “Carta a unha militar española”

Vén de recibir o galardón no marco do Día da Subdelegación da Defensa en Ourense, que tiña lugar esta mañá

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, puxo en valor o traballo de divulgación que fai a Subdelegación de Defensa para achegar o seu labor á sociedade e recoñeceu o “esencial servizo á cidadanía” que prestan as Forzas Armadas. Asegurábao no acto institucional do Día da Subdelegación de Defensa en Ourense 2025, celebrado hoxe, no que se impuxeron condecoracións e se fixo entrega de diplomas de reservista honorífico.

Tamén se entregou o galardón “Cachamuíña” á recreación da batalla de Pazos de Arenteiro e o Premio da 12ª edición do Concurso Literario “Carta a unha militar española” a Clara Rodríguez García, alumna do Colexio Plurilingüe Divina Pastora do Barco de Valdeorras.

No acto, Eladio Santos agradeceu ao delegado de Defensa en Galicia, Jesús Ángel Paz Pena, e ao subdelegdado de Defensa en Ourense, Jesús Peñas Preckler, a súa “boa disposición” para colaborar coa Subdelegación do Goberno e o felicitou polo seu traballo para difundir a cultura da defensa. “O esforzo por divulgar a vosa función é exemplo de vocación institucional e de servizo á democracia”, resaltou.

 

 

O subdelegado do Goberno lembrou que a Subdelegación de Defensa segue aberta ao público coa exposición “Gulías y la Subdelegación de Defensa. Su visión de la ciudad” ata o 25 de xuño e animou a xente a acudir para coñecer a obra do arquitecto Daniel Vázquez-Gulías.

Ademais, Eladio Santos enxalzou a axuda que brindan as Forzas Armadas á sociedade en momentos críticos como foi a catástrofe da DANA e moitos dos incendios forestais que asolaron á provincia de Ourense. “Grazas pola vosa entrega e profesionalidade”, insistiu.

Back to top button