CulturaCulturaEducaciónÚltima horaVídeos

Clausura do programa multidisciplinar ‘Vexo Veo Xacobeo 2025’ no CEIP Manuel Respino da Rúa

O director de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles, asistía á xornada na mañá deste xoves 19 de xuño

 

No ano 2021 co obxectivo de difundir o Xacobeo entre os estudantes galegos de Infantil e Primaria nacía ‘Vexo, veo Xacobeo’  un proxecto educativo no que os cativos de entre 3 e 11 anos son os protagonistas. Empregando unha simboloxía próxima a un xogo, describe un programa educativo multidisciplinar para achegar ao alumnado o significado e os valores do Camiño de Santiago e do Xacobeo, dotando aos centros educativos duns recursos didácticos e actividades educativas atractivas para os máis pequenos: unidade didáctica, vídeo-xogo do Camiño de Santiago, contacontos, saídas guiadas a tramos do Camiño… Cada centro educativo participante, presenta un produto final, un proxecto cuxa finalidade sexa a divulgación do Camiño de Santiago e do Xacobeo e os seus valores.

 

 

Neste 2025 participaban no proxecto 30 colexios de toda Galicia, uns 1.800 rapaces de Infantil e Primaria, seis deles de Ourense e dous de Valdeorras, Otero Pedrayo do Barco onde xa se celebrou a xornada e Manuel Respino da Rúa con xincana e contacontos, na que participaron 194 alumnos, onde se clausuraba na mañá deste xoves 19 de xuño contando coa presenza do director de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles, acompañado pola alcaldesa da Rúa, María G. Albert, e do director do centro, Emilio González.

 

 

El mesmo explica que se trata dunha iniciativa da Axencia de Turismo de Galicia a través da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo que se vén desenvolvendo dende o Xacobeo 21-22. “Está dentro do programa Proxecta Plus que desenvolve a Consellería de Educación, para transmitirlle aos máis pequenos a cultura xacobea, para que prenda neles e a medida que vaian medrando, creen unha querencia máis arredor do Camiño de Santiago, mediante unha linguaxe adaptadas as súas idades, con xogos e a través de persoeiros vincualados ao Camiño dende a época medieval”, dixo.

 

 

O propio Merelles destaca o feito de que o Manuel Respino ten o Camiño de Inverno “a menos de 100 metros porque pasa entre o barrio de San Roque e Vilela”, di, asegurando que é dos máis novos en canto a declaración oficial pero tamén o que máis medra. “O ano pasado con 2.800 peregrinos, medrou un 42% con respecto ao 2023 e no que vai deste ano xa o percorreron máis de 1.100 o que supón un 13% máis que o ano pasado neste mesmo período”, di destacando que para a Xunta “é unha satisfacción ver como unha ruta recentemente incorporada ás rutas oficiais do Camiño de Santiago, medra e tamén como cada vez hai máis implicación por parte da sociedade, neste caso valdeorresa, e dos propios nenos”.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Back to top button