Na xornada deste venres 6 de febreiro, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participaba na clausura da XXI edición da Olimpíada de Bioloxía de Galicia.
Nesta proba participaron 100 alumnos de 2º de Bacharelato de 37 centros educativos, que realizaron diferentes exercicios destinados a avaliar os seus coñecementos en bioloxía. Dela sairán os representantes de Galicia na fase nacional, da que se seleccionarán posteriormente os estudantes que competirán na International Biology Olympiad e na Olimpíada Iberoamericana de Bioloxía.
O titular de Educación agradeceu o esforzo do alumnado participante e a colaboración do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia na organización deste certame. Esta iniciativa contribúe a integrar as olimpíadas científicas na política educativa galega, orientada a fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas.
Neste sentido, lembrou que Galicia continúa destacando polos bos resultados do seu alumnado en ciencias, tal e como reflicten os últimos estudos internacionais. De feito, os estudantes galegos lideran a competencia científica no conxunto do Estado segundo o informe PISA, cunha puntuación media de 506 puntos, moi por riba da media española e da dos países da OCDE, situada en 485 puntos, o que sitúa como oitava do mundo.