
Ribadavia acollía esta mañá o acto de clausura do Obradoiro de Emprego “Territorio Avia – Miño”, un proxecto impulsado conxuntamente polos concellos de Ribadavia, Castrelo de Miño e Carballeda de Avia. Durante varios meses, 20 alumnos e alumnas formáronse en Albanelería (Nivel 1) e Hostalería (Nivel 2), deixando á súa vez importantes melloras en instalacións e servizos da contorna.
O alcalde de Ribadavia, César Fernández, destacou a relevancia deste proxecto, tanto polo impacto social como polos resultados formativos. “Os obradoiros de emprego son unha ferramenta fundamental, porque non só ofrecen unha oportunidade real de inserción laboral e de formación a persoas da nosa comarca, senón que ademais deixan unha pegada directa nas nosas vilas, mellorando instalacións e servizos para todos. O alumnado e o persoal formador fixeron un labor extraordinario e este é o mellor exemplo de como os fondos públicos poden transformarse en futuro e tamén en melloras para a vida diaria da nosa veciñanza.”
Melloras visibles en Ribadavia, Castrelo de Miño e Carballeda de Avia
No caso da albanelería, con 12 alumnos participantes, acometéronse actuacións como a rehabilitación das fontes de Bouza, Santa María e Troncoso en Castrelo de Miño; o acondicionamento da nave interior do punto limpo en Carballeda de Avia; a mellora das beirarrúas de todo o municipio; a rehabilitación dos muíños de Muimenta e Fermosas; e o arranxo da Área Recreativa de Muimenta.
En hostalería, modalidade na que se formaron 8 alumnos, púxose en marcha un bar de prácticas na Praza de Abastos de Ribadavia, aberto á poboación. Todo o recadado foi doado ao Asilo de Ribadavia, facendo que os fondos públicos investidos na súa formación revertesen, novamente, noutro beneficio á sociedade en forma de axuda ás persoas maiores.
Inserción laboral e continuidade académica
O obxectivo principal, favorecer a empregabilidade e ofrecer novas vías de futuro, cumpriuse con éxito. Dous alumnos de hostalería continuarán a súa formación no ciclo de Hostalería do IES de Vilamarín grazas á certificación profesional obtida. Outros dous xa se incorporaron a locais de hostalería en Ribadavia, dando resposta á necesidade de man de obra no sector.
No caso da albanelería, un dos participantes decidiu retomar os seus estudos, continuando así a súa traxectoria formativa de cara a un futuro mellor.
Un proxecto con vocación de continuidade
Á vista dos resultados acadados, os concellos xa valoran a posta en marcha de novos obradoiros en 2026. A provincia de Ourense mantense como pioneira neste tipo de iniciativas, e a experiencia desenvolvida en Ribadavia e na súa contorna volve demostrar a súa eficacia.