
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacou hoxe o compromiso do Goberno de España coa recuperación dos castiñeiros do monte da Moura, en Nogueira de Ramuín, un proxecto que recibiu unha subvención de 2 millóns de euros, asignada polo Ministerio para a Transformación Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), a través da Fundación Biodiversidade. Esta mañá tiña lugar a clausura deste proxecto no Centro Cultural Marcos Valcárcel, en Ourense.
Trátase dun proxecto de bioeconomía forestal do Concello de Nogueira de Ramuín, no que participan o Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a Asociación de Mulleres Rurais Ecos de Moura, que forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Goberno de España, con fondos europeos NextGenerationEU.
Eladio Santos explicou que esta “innovadora iniciativa” se desenvolve de forma experimental no monte da Moura para tratar de recuperar os bosques de castiñeiros identificando o xenotipo das árbores co fin de realizar novas plantacións de castiñeiros resistentes ás pragas e ás modificacións do clima. “Con este proxecto, o Goberno amosa unha vez máis a súa defensa do medio rural e a recuperación de especies autóctonas, máis resistentes aos lumes”.

Neste sentido, o subdelegado remarcou a importancia de conservar e restaurar o ecosistema forestal, apostando por unha xestión baseada no coñecemento científico. “Un bosque ben conservado é un escudo fronte ao cambio climático, un motor para a fauna e a flora que forman a nosa riqueza natural”.
Santos sinalou que proxectos coma este axudan a fixar poboación no rural, “un obxectivo co que o Goberno de España está plenamente comprometido”. “Cando o sector forestal funciona con criterios de sustentabilidade, cando xera emprego digno e estable e cando impulsa a cadea de valor no territorio convértese nunha ferramenta poderosa fronte ao reto demográfico”, dixo.

No acto tamén interviña o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, para quen proxectos como Bionogueira resultan claves para fortalecer un modelo forestal responsable, con multifuncionalidade nos seus aproveitamentos e para xerar actividade económica no rural. “Cando a ciencia, o territorio e as persoas traballan xuntas, a sociedade gaña, e este proxecto é o mellor exemplo”.
O director da Xera destacou Bionogueira como un proxecto forestal moderno que combina ciencia, territorio, tradición e futuro para recuperar e valorizar o monte. “Un modelo – indicou – que se pode replicar noutros soutos de Galicia e que demostra que con recursos, planificación e colaboración institucional é posible recuperar espazos abandonados cun enorme valor ambiental e cultural”. Ademais gabou o labor desenvolvido por todos os axentes que tomaron parte nesta iniciativa, entre os que destacou ao Centro de Investigación Forestal de Lourizán (CIF Lourizán), que achegou o seu coñecemento sobre a mellora xenética do castiñeiro fronte a enfermidades como a tinta e identificou as variedades de castaña que existen, para logo determinar cales son as máis axeitadas para a súa recuperación e aproveitamento. Nunha fase posterior, o CIF puxo a disposición do municipio ourensán onde se desenvolveu o proxecto, o monte da Moura, as plantas melloradas xenéticamente.

Finalmente, o director da Xera insistiu nos beneficios dun proxecto que “é un exemplo da investigación forestal posta a disposición da restauración e recuperación dun ecosistema que forma parte da identidade galega, que ofrece oportunidades de aproveitamento e xera un recurso económico, natural e cultural de primeiro orde”, rematou.
Bionogueira é un proxecto de transformación bioeconómica forestal desenvolto no municipio ourensán de Nogueira de Ramuín mediante a recuperación do bosque envellecido para o seu adecuado aproveitamento. Entre as entidades participantes figuran, ademais do CIF Lourizán e o concello no que se levou a cabo, a Asociación de Mulleres Rurais Ecos da Moura.