En portadaÚltima horaVídeos

“Co REVIVAL empezouse un proxecto visionario que chegou moi lonxe, hoxe o godello rompeu fronteiras”

José Luis Bartolomé, membro do equipo do Plan de Reestruturación de Viñedos de Valdeorras, impartía en Viloira (O Barco) unha conferencia sobre esa recuperación da variedade godello

 

O Plan Recuperación de Viñedos de Valdeorras (REVIVAL) marcaba un antes e un despois na historia vitivinícola de Valdeorras e de Galicia, logrando unha trascendencia internacional. Desa visionaria iniciativa vitivinícola, que supuxo rescatar hai medio século da case da desaparición a variedade godello, coa que hoxe se elaboran viños de prestixio mundial, falaba José Luis Bartolomé, quen daquela era membro do equipo de Axencia de Extensión Agraria e un dos impulsores do proxecto. Facíao na conferencia “50 anos do plan REVIVAL. A resurrección do godello”, coa que abría a XIII Semana de Historia de Valdeorras, que se desenvolverá na Casa Grande de Viloira (O Barco), do 20 ao 28 de novembro.

 

 

Bartolomé definía REVIVAL como un proxecto que apostaba por elaborar trata un viño de calidade, baseándose nunha variedade da zona, concretamente a godello. REVIVAL. A súa xénese estaba na Oficina de Extensión Agraria e idea partía do seu xefe naquel momento: Horacio Fernández Presa, quen nunha viaxe realizada a Alemaña descubría o valor dos brancos de calidade e, ao seu regreso, plantexaba a iniciativa de desenvolver unha viticultura deste tipo en Valdeorras, rachando por completo co modelo que existía nese momento, onde primaban os graneis, íase a unha viticultura de cantidade e a produción na comarca era nun 70% de tintas, con protagonismo da garnacha tintureira. “E con esa acertada idea comezou o proxecto”, lembraba José Luis Bartolomé, a última testemuña viva desa aventura vitivinícola.

 

 

Para poñela en marcha creábase unha promotora REVIVAL, da que formaban parte os diferentes actores do sector nese intre: a administración, a Axencia de Extensión Agraria, representantes dos viticultores, das adegas, o Consello Regulador da D.O. Valdeorras, viveiristas… “Tratábase de que estiveran todos representados para tomar decisións”, comentaba o conferenciante.

 

 

O punto de partida do plan foi unha enquisa aos viticultores para coñecer cales eran as variedades de uva que máis valoraban tanto en brancos como en tintos. Nestes últimos non había unanimidade, pero nos brancos a resposta foi rotunda: a godello. Cando os membros do proxecto saíron ao campo na procura desta variedade descubrían que só representaba o 0,01% das existentes e que pervivía en viñas moi antigas e en cepas illadas. Comezaba así un arduo, custoso, complexo e ousado labor para recuperala tanto a nivel vitivinícola como enolóxico. Nesa aposta, contaba José Luis Bartolomé, contaban con aliados como o investigador Luis Hidalgo, “que se ilusionou co proxecto e foi quen o apadriñou a nivel estatal e nos puxo en contacto co CSIC”.

 

 

Así, por unha banda iniciábanse unha serie de campos experimentais e realizábase a primeira vinificación, que tiña como marco a Adega Cooperativa Jesús Nazareno do Barco, que embotellaba o primeiro monovarietal godello, cunha moi boa acollida. Despois, por discrepancias con esta adega, explicaba Bartolomé, os promotores do plan optaban por crear unha adega experimental propia, mentres medraba o interese a nivel nacional pola iniciativa, chegando a recibir a visita dun ministro de Agricultura da época, Carlos Romero. A partir de aí, houbo xa adegas que decidían elaborar esta variedade, abrindo un camiño que derivou, co paso das décadas, nunha gran valoración da godello a nivel mundial.

 

 

“É unha variedade que logrou diferenciarse e conseguiu un gran recoñecemento, polo que agora somos a envexa doutras zonas vitivinícolas e das súas adegas, que veñen a Valdeorras na procura da godello para elaborar grandes brancos. O godello rompeu fronteiras”, resaltaba José Luis Bartolomé. Este técnico voltaba a vista 50 anos atrás neste relatorio, que concluía asegurando que “con REVIVAL empezouse un proxecto visionario co que se chegou moi lonxe, moito máis do que se pensaba. Agora estamos na cima da montaña e, para manternos aí, debemos seguir facendo as cousas ben porque hai elementos adversos que poden influír a nivel do viño en xeral, como o feito de que o consumo está baixando. Temos que defender o noso e dar a coñecer non só o godello, senón o godello de Valdeorras, que é a versión orixinal desta variedade”.

 

 

Acto inaugural da XIII Semana de Historia

A conferencia de José Luis Bartolomé estreaba o programa da XIII Semana de Historia, un foro que o Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV) recupera tras unha longa paréntese de vinte anos, cunha edición dedicada á “Viticultura e Enoturismo en Valdeorras. Pasado, Presente e Futuro”, tal e como apuntaba o presidente da entidade, Aurelio Blanco Trincado. “O IEV nunca foi alleo ao viño”, dicía, adiantando ademais a intención desta entidade de dedicarlle máis adiante unhas xornadas ao Totado de Valdeorras.

 

 

 

 

Blanco Trincado estaba acompañado neste acto inaugural por Cecilio Santalices, responsable da Axencia de Turismo de Galicia na provincia, quen poñía en valor o traballo que Valdeorras está realizando en materia de enoturismo e destacaba o peso da historia na comarca, o que, indicaba, constitúe outro atractivo máis para os seus visitantes.

 

 

 

 

Tamén tomaba a palabra o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, quen facía un recoñecemento á variedade godello e o traballo realizado para recuperala, ademais de remarcar a importancia do enoturismo para Valdeorras e animar a explorar a comarca “cunha copa de viño na man”.

 

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Vídeos: O SIL.

 

 

 

 

Back to top button