OurenseÚltima hora

Colócase o primeiro Punto Violeta da rede de Paradores en Ourense, situado no de Santo Estevo

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, referíase hoxe ao compromiso de Paradores na loita contra a violencia machista coa implantación de Puntos Violetas nos seus establecementos de Galicia. “Que unha cadea turística de tal envergadura aposte pola protección das vítimas é unha gran noticia no camiño cara a igualdade entre mulleres e homes”.

Eladio Santos asistía á colocación do primeiro Punto Violeta da rede de Paradores en Ourense, en concreto, no de Santo Estevo, en Nogueira de Ramuín, onde estivo acompañado pola xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense, María Alida Iglesias.

 

 

O subdelegado explicou que esta acción enmárcase na aposta do Goberno de España por achegar as ferramentas de prevención e sensibilización da violencia machista a todo o territorio. “Os Paradores da provincia están en zonas rurais, o que supón achegar a rede de protección ás mulleres a lugares aos que ás veces resulta máis difícil chegar”, indicou.

Santos agradeceu o compromiso coa igualdade da presidenta de Paradores, Raquel Sánchez, por implicarse na loita contra a violencia machista, “un problema estrutural que require a concienciación de toda a sociedade”. “Estes establecementos únicos, en edificios históricos e enclaves emblemáticos, son agora tamén lugares seguros para as mulleres”, remarcou.

 

 

A Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense foi a encargada de dar a formación específica a empregados de Paradores de toda Galicia, que xa poden responder ante calquera petición de auxilio ou solicitude de información. Para iso, facilitáronse os seguintes materiais: a Guía Punto Violeta para actuar fronte á Violencia Machista; distintivos para identificar ás persoas implicadas; folletos informativos para repartir e carteis e adhesivos cun código QR vinculado a Guía Punto Violeta, que teñen como obxectivo sinalar que ese espazo é un lugar seguro para as vítimas.

Puntos Violetas en Ourense

O subdelegado puxo en valor esta nova ampliación da rede de Puntos Violeta, que cada vez é maior. Xa están en marcha na provincia de Ourense en servizos como o Servizo Estatal de Emprego (SEPE), o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), a Axencia Tributaria (AEAT), o Centro Penitenciario do Pereiro de Aguiar, a Comandancia da Garda Civil e a Subdelegación do Goberno en Ourense.

Back to top button