
O Hospital Público de Verín acollía hoxe unha xornada sobre “Prevención da violencia co Interlocutor Policial Sanitario”, iniciativa organizada polo Servizo Galego de Saúde, dentro da súa estratexia para mellorar a resposta institucional fronte ás agresións a profesionais sanitarios.
O encontro tiña lugar ás 13:00 horas no Salón de Actos do centro hospitalario, e contaba coas intervencións de José Benito Fernández Santamarina, comandante da Garda Civil e Interlocutor Policial Sanitario do Distrito Sanitario de Verín, e de María Lúgaro Seco, de Recursos Humanos da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras. Ademais, previamente ao coloquio instalábase unha mesa informativa, dirixida ao persoal sanitario co obxectivo de aclarar dúbidas sobre este tema.
Esta iniciativa enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia coa protección dos profesionais da saúde, no marco dunha estratexia máis ampla, que inclúe a modificación da Lei de Saúde de Galicia. Esta reforma pretende ampliar a definición de violencia no ámbito sanitario, así como a consideración de profesional sanitario a todo o persoal que participe no coidado e traslado de pacientes, entre outras medidas.
Interlocutor Policial Sanitario
O interlocutor policial sanitario é unha figura de referencia para os profesionais do sector, promovida, desde 2017, polo Ministerio do Interior, e que ten por obxectivo asesorar en materia preventiva e de formación, para evitar situacións de risco. A través da denuncia e da colaboración entre administracións, preténdese mellorar a seguridade dos profesionais e reducir a impunidade destas condutas.
O coloquio destínase a todos os profesionais do distrito de Verín, incluíndo tamén ao persoal de Atención Primaria. O obxectivo e estender o coñecemento da figura do interlocutor, así como dos medios dispoñibles para os profesionais dos centros sanitarios públicos, ante unha agresión no ámbito laboral. Polo que proximamente programaranse novos encontros para facilitar a asistencia de todos os profesionais da Área, tanto en Ourense como no Distrito de Valdeorras.
Ferramentas útiles: ALERTCOPS e ACUDE
Durante o encontro tamén se presentaba a aplicación ALERTCOPS, dispoñible para persoal sanitario, que permite alertar -de forma discreta- ás forzas de seguridade, ante situacións de risco. A aplicación conta cun botón SOS específico para profesionais da saúde, que conecta directamente coas autoridades e permite unha intervención rápida.
Igualmente, difundíase información sobre os servizos e recursos dispoñibles no Servizo Galego de Saude, cara aos seus profesionais como resposta a unha situación de risco ou agresión. Desde a axuda e asesoramento legal, como programas de alerta no posto de traballo como o “Acude”.
Acude trátase dunha plataforma tecnolóxica que permite aos profesionais sanitarios xerar unha alerta, ante unha situación de risco de violencia, desde o seu propio ordenador ou dispositivo de mobilidade, con independencia da súa localización física e tipo de actividade asistencial. Precisamente, a pilotaxe desta iniciativa desenvolveuse no Hospital Universitario de Ourense, antes de estendelo todo o Sergas.
Desde a dirección da Área Sanitaria animábase a todos os profesionais a asistir a estes coloquios e coñecer, de primeira man, os recursos dispoñibles para previr, actuar e denunciar calquera forma de violencia. Trátase dun paso máis cara a unha asistencia segura e respectuosa para quen coida da saúde da cidadanía.