O Hospital Público de Valdeorras convertíase o 20 de novembro no escenario dunha xornada sobre “Prevención da violencia co Interlocutor Policial Sanitario”, iniciativa organizada polo Servizo Galego de Saúde, dentro da súa estratexia para mellorar a resposta institucional fronte ás agresións a profesionais sanitarios, co obxectivo de dar a coñecer aos traballadores a figura e funcións do interlocutor policial sanitario.
O encontro, ao que asistiron medio centenar de profesionais do centro, constou coas intervencións de José Benito Fernández Santamarina, comandante xefe de Operacións da Policía Xudicial e Información da Garda Civil de Ourense, garda civil e Interlocutor Policial Sanitario do Distrito Sanitario de Valdeorras; Roberto Valente López, garda civil experto en ciberdelitos, e María Lúgaro Seco, coordinadora de violencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras.
Previamente ao coloquio instalouse na a entrada ao hospital unha mesa informativa, dirixida ao persoal sanitario co obxectivo de aclarar dúbidas sobre este tema, á que se achegaron o director de distrito, Alberto Pedrera, e o subdirector de Recursos Humanos da Área, Eduardo González.
Esta iniciativa enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia coa protección dos profesionais da saúde, no marco dunha estratexia máis ampla, que inclúe a recente modificación da Lei de Saúde de Galicia que amplia a definición de violencia no ámbito sanitario, así como a consideración de profesional sanitario a todo o persoal que participe no coidado e traslado de pacientes, entre outras medidas.

Interlocutor Policial Sanitario
O interlocutor policial sanitario é unha figura de referencia para os profesionais do sector, promovida, desde 2017, polo Ministerio do Interior, e que ten por obxectivo asesorar en materia preventiva e de formación, para evitar situacións de risco. A través da denuncia e da colaboración entre administracións, preténdese mellorar a seguridade dos profesionais e reducir a impunidade destas condutas.
O obxectivo destes coloquios, que están a celebrar nos tres distritos, e estender o coñecemento da figura do interlocutor, así como dos medios dispoñibles para os profesionais dos centros sanitarios públicos, ante unha agresión no ámbito laboral.

Ferramentas útiles: ALERTCOPS e ACUDE
Durante o encontro tamén se falou da aplicación ALERTCOPS, dispoñible para persoal sanitario, que permite alertar -de xeito discreto- ás forzas de seguridade, ante situacións de risco. A aplicación conta cun botón SOS específico para profesionais da saúde, que conecta directamente coas autoridades e permite unha intervención rápida.
Igualmente, difundiuse información sobre os servizos e recursos dispoñibles no Servizo Galego de Saude, cara aos seus profesionais ,como resposta a unha situación de risco ou agresión. Desde a axuda e asesoramento legal, como programas de alerta no posto de traballo como o “Acude”.
Acude trátase dunha plataforma tecnolóxica que permite aos profesionais sanitarios xerar unha alerta, ante unha situación de risco de violencia, desde o seu propio ordenador ou dispositivo de mobilidade, con independencia da súa localización física e tipo de actividade asistencial. Precisamente, a pilotaxe desta iniciativa desenvolveuse no Hospital Universitario de Ourense, antes de estendelo todo o Sergas.
Desde a dirección da Área Sanitaria animase a todos os profesionais a asistir a estes coloquios e coñecer, de primeira man, os recursos dispoñibles para previr, actuar e denunciar calquera forma de violencia. Trátase dun paso máis cara a unha asistencia segura e respectuosa para quen coida da saúde da cidadanía.
Fotos cedidas.